Anuario 2024

Sistema fiscal: O actual modelo de financiamento entra en tempo de desconto

O debate sobre o modelo de financiamento ocupa a axenda política do Estado español. A situación de prórroga do actual sistema aprobado en 2009, os acordos alcanzados entre ERC e PSOE e os movementos dos gobernos da maioría das comunidades autónomas avanzan novos escenarios neste ámbito. As diversas alternativas defendidas polas distintas formacións políticas evidencian a natureza ideolóxica dun debate directamente ligado á concepción sobre o modelo do Estado. 
Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira na sede do Ministerio, o 11 de decembro de 2023. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O actual sistema de financiamento aprobado en 2009, durante a última lexislatura do mandatario socialista José Luis Rodríguez Zapatero, e prorrogado desde 2014 atópase en tempo de desconto. O acordo asinado o pasado 7 de agosto entre Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) para investir Salvador Illa como presidente da Generalitat catalana sitúa esta cuestión no primeiro plano da axenda política no último semestre do ano e avanza en convertela nun aspecto central no novo período de sesións.

O modelo de financiamento marcará o debate político en 2025. As derivadas do acordo adoptado entre PSC e ERC para investir Salvador Illa como presidente de Catalunya obrigan a definir un novo sistema de financiamento. A proposta, avalada pola dirección estatal do PSOE e o seu secretario xeral, Pedro Sánchez, recolle a saída de Catalunya do denominado réxime común do sistema de financiamento, estabelece a recadación por parte do Goberno catalán de todos os tributos xerados nese país e fixa unha condonación da débeda pública catalá de 20%.

O debate sobre a fórmula de financiamento promovida desde o Executivo español xerou unha dura disputa dos populares con socialistas e nacionalistas. A mesma chegou á Galiza, onde responsábeis do PP galego, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, limitáronse até agora a replicar o discurso do partido no ámbito estatal, sinalando que o sistema acordado abre a porta a un Estado confederal e renunciando á condonación dunha parte significativa da débeda pública galega. Ao tempo, o mandatario galego rexeitou calquera negociación sobre este tema con Pedro Sánchez.

Nacionalistas e socialistas afearon aos populares aferrarse a un modelo de financiamento que, segundo o propio Goberno galego, non garante a presentación dos servizos básicos fundamentais. Mentres o BNG aposta por un sistema de concerto que sitúe a Galiza fóra do réxime común e lle permita recadar todos os impostos, o PSdeG reclama un financiamento singular para Galiza, mediante a reforma de variábeis como a poboación e a dispersión, mais mantendo o país entre as comunidades do réxime común do sistema de financiamento.

Os datos da liquidación do sistema de financiamento de 2022, os últimos publicados polo Executivo español, son o punto de partida para este debate. Neste sentido, o economista Xosé Díaz, quen fora presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), nun traballo rematado no mes agosto e titulado Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 sinalou que nesa anualidade Galiza perdeu 5.344 millóns.

As cifras fornecidas por Díaz indican que o Estado recadou en impostos na Galiza en 2022 un mínimo de 15.385 millóns de euros, mais só reintegrou 10.041 millóns. A este respecto, aclarou que deses 10.041 millóns de euros, 6.695 proceden de ingresos tributarios e 3.346 de transferencias do Estado. Nesta dirección, indicou que “podemos comprobar como a diferenza entre os impostos soportados en 2022 pola Galiza –15.385 millóns de euros– e a necesaria división binomial á que recorre o sistema de financiamento de impostos máis transferencias elevouse a 5.344 millóns de euros que succiona o Estado” español.

Un último traballo de Xosé Díaz, titulado Aspectos e consecuencias do sistema de financiamento propio galego e elaborado no mes de outubro, concluíu que Galiza gañaría entre 5.691 e 4.487 millóns de euros ao ano contando cun sistema de concerto, que lle permitiría recadar todos os impostos e, posteriormente, liquidar ao Estado polos servizos que lle presta. A primeira das cifras xorde de aplicar á Galiza a cota fixada para Euskadi e a segunda de fixar unha ponderación atendendo ao menor desenvolvemento competencial do país.

Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga, dous economistas que rexeitan o modelo de concerto porque “é máis propio de estruturas confederais, como a Unión Europea, que de federacións”, coinciden con Díaz en que o Estado, pola vía do actual sistema de financiamento, succiona á Galiza miles de millóns de euros. Neste sentido, no seu traballo O impacto económico para Galicia da extensión dos sistemas de concerto, publicado polo Foro Económico da Galiza, conclúen que o Estado succionou á Galiza en 2022 impostos por unha contía por 4.815 millóns de euros, tras recadar 14.921 millóns e reintegrar 10.106 millóns.

Os números extraídos da liquidación do sistema de financiamento de 2022 situáronse na dirección doutras anualidades. Neste sentido, en 2021, o Estado recadou en impostos na Galiza un mínimo de 13.974 millóns, reintegrando 8.892 millóns, dos que 6.129 millóns de euros procedían de ingresos tributarios e 2.763 millóns de euros de transferencias do Estado. A este respecto, as contas desa anualidade corrixiron a disfunción xerada en 2020 pola pandemia da Covid-19, cando o Estado ingresou en impostos un mínimo de 11.938 millóns de euros e só devolveu ao país 7.944 millóns de euros.

A capacidade fiscal real da Galiza é moi superior á recollida na contabilidade oficial, xa que moitas compañías coa actividade económica no país pagan o seus tributos en Madrid, favorecida polo “efecto sede”. Mentres a capital do Estado, cun PIB para 2022 de 19,4% do total, recadou nesa anualidade polo Imposto sobre Sociedades 12.087 millóns de euros, que significou 37,5% do conxunto do Estado, os ingresos da Galiza por este tributo ficaron en 1.742 millóns de euros, 5,2% do total do estatal para un PIB de 5,2% do conxunto do Estado.

Un total de 4.441 persoas físicas e xurídicas con actividade económica na Galiza pagan os seus impostos fóra do país. Segundo as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2022, 3.787 delas teñen a consideración de persoas xurídicas, desenvolvendo 3.143 compañías o seu labor no sector dos servizos; 342 compañías na industria, incluíndo dentro destas as enerxéticas, Alcoa ou Ence; 268 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil, e 42 compañías na área da agricultura e a pesca.

E os servizos públicos?

A totalidade dos estudos elaborados nos últimos anos conclúen que o sistema de financiamento está xerar un importante déficit ao sistema de benestar galego, pondo en risco a prestación de servizos básicos como a sanidade ou a educación. A este respecto, Xosé Díaz cifra o déficit xerado polo modelo de financiamento vixente á sanidade, á educación, as pensións e aos servizos sociais galegos en 1.541 millóns de euros, tras elevarse o seu custo a 8.551 millóns de euros e percibir para financialo 7.010 millóns de euros.

Xosé Díaz sitúa o déficit xerado polo sistema de financiamento nos servizos públicos fundamentais galegos entre 2009 e 2022 en 22.188 millóns de euros. Segundo recolle no seu traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022, tomando como base os datos fornecidos para o período polo Ministerio de Facenda, o saldo negativo máis desfavorábel deuse en 2009, onde o déficit alcanzou 2.977 millóns de euros, e o máis favorábel en 2018, cando o déficit marcou 1.025 millóns de euros.

O Consello de Contas da Galiza, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título de Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, chegaba a unhas conclusións moi semellantes. Neste caso, o órgano fiscalizador galego situaba o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 e 2021 en 19.956 millóns de euros.

O órgano fiscalizador sinala que “a determinación das necesidades de gasto a financiar polo sistema é o outro dos elementos chave do modelo” e denuncia que “con todo, esta determinación non se realiza en función do custo efectivo dos servizos, para o que, por outra banda, existen carencias na información dos sistemas contábeis das comunidades autónomas senón dun indicador, poboación axustada que no deseño actual non reflicte as necesidades reais das competencias autonómicas”.

A débeda

Un dos aspectos ligados á reforma do sistema de financiamento é a condonación dunha porcentaxe da débeda das comunidades autónomas. Segundo as últimas cifras fornecidas polo Banco de España, correspondentes ao primeiro semestre de 2024, Galiza rexistraba unha débeda pública a 30 de xuño de 13.083 millóns de euros, o que representa un novo récord histórico de endebedamento do país. Ao tempo, o regulador estatal destacaba que 2.311 millóns desa débeda estaba contraída co Goberno do Estado, 7.430 millóns coa banca privada e 3.342 con outro tipo de acredores. Porén, o presidente galego Alfonso Rueda tense negado, en repetidas ocasións, a reducir a contía
da mesma.

O acordo asinado en novembro de 2023 entre BNG e PSOE para investir Pedro Sánchez fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a acordada para Catalunya. O documento estabelecía que “en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións a aquelas comunidades autónomas que non fixeron uso do FLA”. Nesta liña, o Goberno do Estado acordou unha quita da débeda catalá de 20% e expresou a súa vontade de esténdela a outras comunidades.

A quita proposta polo Goberno do Estado significaría reducir a débeda pública galega en 2.616 millóns de euros, unha contía superior aos gastos correntes dos orzamentos galegos de 2024 fixados en 2.243 millóns de euros ou aos seus investimentos reais cifrados en 1.596 millóns de euros. Na mesma liña, a cantidade é moito maior que o custo do Hospital Álvaro Cunqueiro, que alcanzou os 1.400 millóns de euros, o que permitiría, practicamente, erguer dúas dotacións hospitalarias das mesmas características que este hospital vigués.

A negativa do Goberno galego a aceptar a redución da débeda acordada entre nacionalistas e socialistas ten unhas repercusións moi negativas para as contas públicas galegas. Sen ir máis lonxe, o Executivo galego destina nos seus orzamentos de 2025 máis de 1.763 millóns para a amortización e gastos financeiros da débeda pública, 252 millóns máis que os que achegados en 2024. Na mesma dirección, a Fundación de Estudos de Economía Aplicada estimou uns gastos de xuros para Galiza en 2027 de 503 millóns de euros.

O debate sobre o sistema de financiamento é esencialmente político. A este respecto, Xosé Díaz sinala que “os sistemas de concerto ou convenio corresponderían coa idea da Galiza como nación, mentres os sistemas de réxime común corresponderían coa idea da Galiza como rexión". Nesta liña, conclúe que “a elección que se fai dun sistema de financiamento determina directamente o nivel de autogoberno ao que se aspira. Emporiso Galiza ten de reivindicar e traballar para lograr un sistema de financiamento que corresponda á súa condición de nación”.

Santiago Lago e Xaquín Fernández poñen o foco nas derivas políticas do modelo. Nesta dirección, consideran que o sistema de concerto “é máis propio de estruturas confederais, como a Unión Europea, que de federacións; ou doutras épocas históricas anteriores á contemporánea”. Neste punto, indican que os “sistemas de concerto e as solucións de carácter confederal, contrastan co federalismo no que se insire até a data a evolución do sistema autonómico de réxime común”.

As cifras achegadas pola liquidación do sistema de financiamento caracterízanse polo seu centralismo. Así, o Goberno catalán só recadou o 9% dos impostos soportados no seu país, ficando está porcentaxe na Galiza no 5%. Neste sentido, o modelo estatal representa unha anomalía en relación cos Estados europeos que presentan unha organización territorial descentralizada. Así, por exemplo, en Alemaña, o Executivo central recada o 46% dos tributos, os lander ou Estados federados o 40% e os municipios o 14%. Na mesma dirección, en Suíza o Goberno central recada o 47% dos tributos, os cantóns o 32% e os concellos o 20%.

Comentarios