Parlamento

O Sergas admite que non reforzará a Primaria no verán e argumenta que "non hai médicos para as listas"

José Flores, xerente do Sergas, compareceu esta sexta feira no Parlamento. (Foto: Europa Press)
O xerente do Sergas, José Flores, sostén que "non existe criterio ningún de aforro" e que non se contrata máis persoal para reforzar os centros de saúde durante as vacacións estivais porque "non os hai".

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, defendeu esta sexta feira que existe unha "planificación" a respecto das contratacións para cubrir as vacacións do persoal médico —12.802 entre xuño e setembro de 2021—, mais recoñeceu que non é o caso dos médicos de Atención Primaria porque "non os hai".

"Non os temos para as listas", insistiu Flores, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PSdeG Julio Torrado durante a última sesión da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento da Galiza no actual período de sesións.

O parlamentario socialista fixo lectura de varias novas de medios de comunicación e advertiu que a Atención Primaria galega "probabelmente está a sufrir o peor dos veráns históricos". "Pero é que o verán que vén vai ser mesmo peor. E en catro ou cinco anos vai ser imposíbel", engadiu.

Neste contexto, Torrado preguntou ao xerente do Sergas se "é posíbel soster un discurso tradicional, clásico, histórico e repetido" vendo que "a situación é cada vez máis dura de afrontar". Na súa resposta, José Flores insistiu en que o servizo público sanitario "fai unha planificación previa" con base nos recursos humanos dispoñíbeis tendo en conta que na época estival, entre xuño e setembro, se autoriza o descanso dun terzo do cadro por vacacións. "Non existe ningún criterio de aforro, non existe ningún tipo de diminución de actividade —asistencial—", subliñou.

"Non existe ningún criterio de aforro", afirma o xerente do Sergas

Pola súa parte, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, respondeu unha pregunta formulada pola deputada do BNG Iria Carreira sobre as previsións de mellorar as condicións laborais do persoal e enfermaría do Sergas, xa que o sistema actual de chamadas ás listas de contratación fai que estes profesionais vivan "obrigados a estar pendentes do teléfono".

A directora xeral de Recursos Humanos manifestou o seu compromiso coa "estabilización laboral" no Sergas e, no caso da Enfermaría, garantiu que están "a axustar aplicacións informáticas" para mellorar o sistema de chamadas.

Comesaña aproveitou para reivindicar que as condicións do persoal do sistema sanitario galego "levan tempo sendo melloradas de maneira continua" a través de ofertas públicas de emprego e instou o Goberno estatal a "eliminar" a taxa de reposición, porque "limita" poder incrementar as convocatorias.

Agefec

Precisamente esta sexta feira a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) emitiu un comunicado no que informa de que os titores e titoras responsábeis da formación de especialistas en Enfermaría de Atención Primaria remitiron senllas cartas ao Sergas ameazando con dimitir, porque, argumentan, realizan o seu traballo "de modo altruísta, non remunerado e escasamente recoñecido".

Tamén reclaman a creación de cando menos un cento de novos postos en Enfermaría de Familia e Comunitaria para afrontar os "graves problemas" na Primaria.