Senra urxe a Unión Europea a que faga cumprir as súas normas en Touro

A eurodeputada e candidata de En Marea ao Parlamento europeo, Lidia Senra, urxiu esta segunda feira a Unión Europea a que faga cumprir as súas propias normativas medioambientais. Como escenario para as súas declaracións escolleu a aldea de Arinteiro, afectada polo proxecto de megamina de cobre de Touro-O Pino.
 

Lidia Senra e Ana Seijas, hoxe en Touro
photo_camera Lidia Senra e Ana Seijas, esta segunda feira en Touro. Foto: En Marea.

“Opoñémonos rotundamente á megamina de Touro-O Pino e opoñémonos a todos os proxectos megamineiros. Se a UE asume as súas responsabilidades e fai valer as súas propias normativas en materia de augas e en materia medioambiental”, expuxo, “este proxecto da mina ten que pararse xa”.

Senra engadiu que a súa oposición a este tipo de proxectos deriva de que son “un ataque” ás vidas, á saúde e aos postos de traballo. “Destrúen moito máis do que crean”, sinalou. “A Unión Europea debe obrigar a que se cumpra a directiva da auga e a que as avaliacións de impacto medioambiental se fagan correctamente”, apuntou.

Segundo a aínda eurodeputada, a mina de Touro “ataca a vida das persoas ao atentar contra a nosa saúde e destruír o noso medio de vida”. E criticou Feixoo por non lle dar “carpetazo dunha vez ao proxecto”. As consecuencias da vella mina seguen a danar a terra e as augas da contorna e mesmo chegan á ría de Arousa.

O proxecto provocou unha ampla e constante oposición de veciñanza e activistas.

Comentarios