Eleccións Municipais

Santiago acolle o arranque da carreira electoral das municipais

PSdeG, PP, BNG e CA aspiran a ser determinantes na escena postelectoral.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)

Ás 00 horas desta sexta feira principia a campaña das eleccións municipais do 28 de maio, cita que marcará o destino dos 313 concellos galegos para o vindeiro mandato e que, ademais, é mirada como limiar para os comicios ao Parlamento galego de 2024.

Son 2.222.962 as persoas con dereito a votar na Galiza nunhas eleccións en que se elixirán 313 alcaldes e alcaldesas e 3.698 concelleiros e concelleiras; 374 menos que os que se escolleron en 1979, nas primeiras municipais na Galiza após o franquismo, dato que reflicte o devalo poboacional nestas décadas.

A capital galega será esta madrugada o epicentro da campaña electoral ao estaren os líderes políticos na pegada inicial de carteis de Compostela. Alfonso Rueda estará xunto ao candidato do PP á Alcaldía, Borja Verea. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apoiará Goretti Sanmartín e a súa candidatura.

Tamén en Compostela vai estar esta noite o ministro de Sanidade, José Miñóns, na pegada de carteis para apoiar o alcalde de Santiago e candidato á reelección, Sánchez Bugallo. O secretario xeral da formación, González Formoso, estará nas Pontes, onde opta a recuncar como alcalde.

Que todas as formacións políticas escollan Compostela para comezar a campaña indica até que punto a capital é unha praza de importancia e, tamén, até que punto a batalla polo Goberno da cidade está aberta.

Verea presentou esta a candidatura mostrando a súa confianza de que sairá alcalde de Compostela. O PSdeG confía en repetir Alcaldía con Sánchez Bugallo. Compostela Aberta reivindica o seu espazo e o seu papel, e ten claro que ambos os dous non van minguar. O BNG sae convencido de que o 28-M vai supor un salto adiante e que será determinante e mesmo con posibilidades de lograr a Alcaldía.

Comentarios