Rueda rexeita lecturas sucesorias en que Calvo e Rodríguez sexan os únicos conselleiros que sigan de deputados

É unha obrigación legal, polo Estatuto de Autonomía, que o presidente da Xunta sexa elixido de entre os deputados e as deputadas do Parlamento.
Alfonso Rueda (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, dixo que "en absoluto" se pode facer unha lectura en clave sucesoria do feito de que os conselleiros Diego Calvo (Presidencia, Xustiza e Deportes) e Román Rodríguez (Educación, Innovación, Universidades e Formación Profesional) vaian ser os únicos membros do Goberno galego que non renunciarán á acta de deputado no Parlamento galego.

Preguntado respecto diso na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, o presidente explicou que Calvo e Rodríguez son os conselleiros "con máis experiencia parlamentaria" e teñen "esa dobre visión de Goberno e Parlamento que pode ser moi útil".

"O normal é que non haxa unha quebra absoluta. A decisión, se queren orientala por algún lado, na clave que vostede (ao xornalista que preguntaba) dicía, en absoluto. Eu tentarei estar toda a lexislatura, se as forzas me acompañan", manifestou.

A pesar de que rexeita esta lectura, o certo é que é unha obrigación legal, polo Estatuto de Autonomía, que o presidente da Xunta sexa elixido de entre os deputados e as deputadas do Parlamento. Por tanto, no caso de que Alfonso Rueda tivese que renunciar por calquera motivo, Calvo e Rodríguez si poderían optar a sucedelo.

"Non é a primeira vez"

O presidente alegou que "non é a primeira vez" desde 2009 -cando o PPdeG regresou á Xunta da man de Alberto Núñez Feixoo- que ocorren estas renuncias. Ademais, lembrou que todos os seus conselleiros e as súas conselleiras foron nas listas ao Parlamento galego nas eleccións de febreiro e que "tanto interna como externamente todos eran coñecedores" de que isto ocorrería.

Non en balde, agradeceu a "enorme xenerosidade" dos outros sete conselleiros e conselleiras que renunciarán á condición de deputados e deputadas, algo que "ao final é unha decisión persoal", aínda que "pode haber unha petición ou suxestión", para "centrarse nas súas tarefas" de Goberno.

Deste modo, deixarán a acta no Pazo do Hórreo a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o responsábel de Mar, Alfonso Villares; o titular de Emprego, José González; a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue; o titular de Facenda, Miguel Corgos; a responsábel de Ecomomía e Industria, María Jesús Lourenzá, e a que fóra vicepresidenta segunda na pasada lexislatura e actual conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Xa non ostentaban a condición de deputados e deputadas no Parlamento da Galiza as novas persoas que entraron no Executivo: Antonio Gómez Caamaño (Sanidade), José López Campos (Cultura, Lingua e Xuventude) e María José Gómez Rodríguez (Medio Rural).

Máis en POLÍTICA
Comentarios