Rueda mantense no actual modelo de financiamento, malia provocar un déficit millonario

Alfonso Rueda esta terza feira, no Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
A Xunta pretende deixar Galiza sen a posibilidade de recadar os seus impostos.

O actual modelo de financiamento foi aprobado en 2009, durante a última lexislatura do mandatario socialista José Luis Rodríguez Zapatero, e caducou en 2014, sendo prorrogado desde aquela e vixente mentres non se estabeleza un novo sistema. Esta segunda feira, en Barcelona, o Goberno catalán e o español acordaron as bases dun novo modelo de financiamento para Catalunya, mais "xeneralizábel" ao resto de comunidades e no que estas poderían, de así o desexaren, asumir a xestión dos seus impostos. Un sistema que, segundo manifestou esta segunda o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a preguntas de Nós Diario, sería "un disparate", un modelo no que "Galiza sairía perdendo" e que "de consumarse finalmente" o Goberno galego non desbotaría recorrer nos tribunais, "por suposto". O titular do Executivo galego opta por manter Galiza na mesma casa actual no taboleiro do financiamento. 

Mais esta decisión non sae de balde. O actual sistema de financiamento xerou un déficit na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 e 2021 de 19.956 millóns de euros, segundo o recolle o Consello de Contas da Galiza, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común. Este informe do órgano fiscalizador, realizado a petición do Parlamento galego, recolle que o gasto anual da Galiza de media en servizos básicos (referidos a sanidade, educación e protección social) é de 6.859 millóns de euros, mentres a liquidación do Fondo de Garantía que financia estes servizos alcanzou os 5.324 millóns anuais. Isto deita un déficit anual de 1.535 millóns de euros. Por habitante, supón un déficit medio ao ano de 559 euros. 

Outro estudo, feito neste caso polo economista Xosé Díaz, quen fora presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), sobre os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022, sinalou que nesa anualidade Galiza perdeu 5.344 millóns de euros.

Para Alfonso Rueda, porén, o criticábel é ir cara a un modelo de recadación e xestión dos propios impostos. "Supón rachar a igualdade entre os territorios", dixo esta segunda na súa comparecencia após o Consello da Xunta. E a posibilidade de que outras comunidades poidan avanzar na xestión dos seus tributos é, afirmou, "branquear o independentismo catalán".

Neste sentido, Rueda anunciou xuntanzas con outras comunidades —"esta sexta feira, coa presidenta de Estremadura"— para empezar "a facer forza" contra o modelo de financiamento acordado entre o Estado con Catalunya.

O BNG pide un modelo "feito á medida da Galiza"

A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento galego, Noa Presas, emprazou esta segunda Alfonso Rueda a negociar "de maneira urxente e de modo bilateral "co Estado español un novo modelo de financiamento "feito a medida dos intereses dos galegos e das galegas". "A Xunta non pode perder un minuto máis submisa aos intereses do PP en Madrid. Euskadi xa ten cupo, Catalunya avanza na negociación dun modelo propio e Galiza non pode quedar atrás", manifestou a nacionalista. Presas considerou que o anunciou feito polo Estado e Catalunya dun novo sistema supón unha oportunidade que a Galiza ten que aproveitar porque abre unha "negociación real" cara a un novo modelo de financiamento "máis descentralizado e con máis autogoberno". Un sistema de concerto económico, detallou, "que nos permita recadar todos os nosos impostos, con plena capacidade de decisión en materia fiscal e cunha Facenda galega con todas as funcións".

A portavoz nacionalista de Facenda na Cámara galega subliñou que "Galiza non pode quedar calada cando se abre despois de once anos a posibilidade de ter a chave dos seus cartos". Lembrou ademais que, cos datos de 2022, que é o último exercicio liquidado, o Estado devolveu á Galiza máis de 5.000 millóns de euros menos dos que Galiza achegou, segundo o mencionado estudo de Xosé Díaz. “Hai, polo tanto, marxe de negociación”, reiterou. 

O PSdeG teme que Rueda deixe Galiza "sen voz"

A portavoz de Economía do grupo parlamentario socialista, Patricia Igrexas, advertiu de que a estratexia de Rueda do "non polo non" para facer “seguidismo do bloqueo” por parte de Núñez Feixoo sobre financiamento ameaza con deixar Galiza “sen voz” no debate. A socialista sinalou que a Galiza "ten que estar presente con autonomía" para facer valer a posición propia. Criticou ademais que as "únicas propostas" postas riba da mesa polo PP galego teñan sido "o bloqueo do diálogo co Estado, negarse a recibir 4.010 millóns de euros da condonación da débeda e o “populismo fiscal” para "baixarlle impostos aos máis ricos".

Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, defendeu o pacto alcanzado en Barcelona porque "senta as bases para unha futura reforma do sistema de financiamento autonómico".