O acordo de Estado e Generalitat abre a porta a que Galiza poida xestionar os seus impostos
A comisión bilateral dos gobernos catalán e español formalizou esta segunda feira o acordo de financiamento singular para Catalunya e que abre a porta a que outras comunidades autónomas que así o desexen poidan avanzar nun modelo que recoñeza as súas "singularidades e vontade de autogoberno", segundo recolle o documento do pacto asinado entre ambas as dúas delegacións. Cada comunidade poderá decidir que parte do peso da xestión tributaria asume, baixo coordinación, iso si, da Axencia Tributaria estatal. Segundo o estabelecido no papel, o Goberno galego podería, “cando o desexe e en exercicio da súa vontade de autogoberno, asumir progresivamente máis competencias xestoras” sobre os seus impostos.
O conseller de Presidéncia da Generalitat, Albert Dalmau, manifestou na comparecencia após a xuntanza da comisión bilateral que o horizonte "é unha Facenda catalá que xestione todos os tributos". Tamén enfatizou que a fórmula de negociación bilateral co Estado será a que se empregue para as competencias que afectan a singularidade de cada comunidade autónoma O ministro de Política Territorial, Ángel Victor Torres, pola súa parte, anunciou que o pacto aprobarase "en breve" no Consello de Ministros e aspira a debatelo após o verán no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). O camiño non vai ser doado. Para facer efectivo o novo modelo de financiamento precísanse unha serie de reformas lexislativas que deben ser aprobadas no Congreso, onde os equilibrios en torno a este tema son sempre fráxiles.
O modelo estabelece que cada autonomía poderá decidir que nivel de responsabilidade asume na xestión tributaria. No caso da Generalitat, o acordo de investidura entre ERC e PSC para investir Salvador Illa president fixa que o obxectivo sexa xestionar 100% dos impostos. O Executivo español cedería a Catalunya, de maneira progresiva, a xestión, recadación, liquidación e inspección dos tributos.
E no caso da Galiza? Fica por ver a receptividade do Goberno galego á proposta de financiamento acordada esta segunda. O Partido Popular xa manifestou con rotundidade a súa oposición a este modelo. Noutras cuestións anteriores relativas ao financiamento —como a condonación da débeda— o Executivo de Alfonso Rueda seguiu cos ollos fechos as directrices de Xénova [sede do Partido Popular español] e rexeitou, por exemplo, aceptar a quita de 4.000 millóns de euros sobre a débeda galega. Borja Semper, portavoz do PP estatal, aseverou que o acordo entre a Generalitat e o Estado “racha a igualdade entre os españois e pon en risco os servizos públicos”. A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, pola súa parte, anunciou que ía presentar os recursos que fixesen falta contra ese pacto para evitar, dixo, “que rache España”. O PP marcou desde o minuto un e desde Madrid o discurso sobre financiamento a asumir por todas as comunidades nas que goberna, independentemente do status autonómico e das competencias que cada unha teñan.
Pola súa parte, desde ERC, partido que acordou hai un ano un financiamento único para Catalunya co PSC a cambio da investidura de Salvador Illa, vese unha "importante falta de concreción" no acordo asinado esta segunda feira. Junts elevou o nivel de crítica e denunciou que "non é o concerto económico" que precisa Catalunya.
O pacto non concreta datas de aplicación. Apúntase a que hai que "traballar polo despregamento da facenda catalá" para que Catalunya poida ir asumindo esa recadación e xestión de impostos. A Agència Tributària de Catalunya (ATC) dispón actualmente de 850 traballadores e traballadoras, mentres que a Axencia Tributaria estatal posúe a 4.700 profesionais en Catalunya.
De dar o paso de asumir a Xunta da Galiza maiores competencias e responsabilidades na xestión de tributos, a Axencia Tributaria Galega (Atriga) debería de ser reforzada e ampliada. A pasada semana Sonia Lafont, directora da Atriga, informaba en comisión no Parlamento galego de que a axencia recadara un total de 688,8 millóns de euros en 2024, que supón 8,9% máis que os 632,3 obtidos en 2023. Este incremento produciuse en todos os conceptos agás un descenso no imposto sobre sucesións e doazóns (-3,3%).
A principal fonte de ingresos correspóndese con impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, que reporta á Galiza 53% do total de ingresos tributarios, o que supón 362,6 millóns
Pola súa parte, os ingresos tributarios da Galiza alcanzaron os 7.854,6 millóns de euros en 2024, o que supón 557,5 millóns máis que en 2023, é dicir, 7,6% máis, se-gundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o mes pasado. A recadación dos impostos directos subiu a 3.639,5 millóns, u8% máis que o ano anterior. Está encabezada polo gravame sobre a renda (tramo autonómico do IRPF), que ascende a 3.377,5 millóns (o que supón un total de 269 millóns máis).
Galiza perde 1.500 millóns anuais co actual sistema
As consecuencias da pertenza ao réxime común resultaron nos últimos ano moi negativos para Galiza. O Consello de Contas da Galiza, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común, situaba o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 e 2021 en 19.956 millóns de eurosao redor de 1.500 millóns anuais. Os datos da liquidación do sistema de financiamento de 2022, os últimos publicados polo Executivo español, inciden nesta idea.
Neste sentido, o economista Xosé Díaz, quen fora presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001), nun traballo rematado no mes agosto e titulado Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 sinalou que nesa anualidade Galiza perdeu 5.344 millóns. O actual modelo de financiamento, aprobado en 2009, durante a última lexislatura do mandatario socialista José Luis Rodríguez Zapatero, e prorrogado desde 2014, está pendente de ser revisado, sendo obxecto de disputa entre as diversas formacións políticas.

