Rueda non ve "importantes" as peticións das organizacións do sector para que Mercosur non se aplique no agro

O presidente da Xunta pide ser “intelixentes” e non facer demandas deste tipo, “que non van ser atendidas”. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta segunda feira. (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

Un total de 14 organizacións e entidades do sector primario galego, de colectivos ambientalistas e plataformas de defensa dun consumo consciente presentaron a pasada sexta feira en público en Lugo o Foro do Sector Primario-Plataforma Rural Galega, un espazo "de unidade" para confrontar as principais ameazas que pairan sobre os sectores produtivos ligados á terra, desde a agricultura e o gando á apicultura, a produción ecolóxica, o viño ou a horta. A primeira das súas demandas é que o sector agroalimentario galego e europeo fique fóra da aplicación do Mercosur. 

Preguntado por Nós Diario por esta proposta, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou que ese tipo de peticións “distraen do importante” e apelou a “ser intelixentes” e limitarse a pedir “que se apliquen as demandas de salvaguarda” aprobadas pola Unión Europea.

Para o titular da Xunta, outro tipo de peticións, como a feita por estas 14 organizacións e entidades, “non van ser atendidas” e van “distraer dos obxectivos”.

Comentarios