PERGUNTA DO BNG NO PLENO

A Xunta di confiar "na investigación policial" do asasinato de Jimmy

O vicepresidente da Xunta rexeita os "xuízos políticos" e agarda que "se faga xustiza" no caso.

Jorquera
photo_camera Jorquera, nun debate parlamentar

En resposta a unha pregunta formulada polo portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o vice-presidente da Xunta e responsábel de Xustiza, Alfonso Rueda, asegurou que o goberno galego desexa "que se faga xustiza e que carguen coa súa culpa os culpábeis" do asasinato do siareiro do Deportivo, Jimmy. 

O deputado do Bloque preguntou se a Xunta "fará algo para que este asasinato non fique impune" perante os dados relativos á investigación que foron feitos públicos nos últimos días. "Desde o primeiro minuto tentouse converter as vítimas en culpábeis", dixo Jorquera, "fíxoo a señora Cifuentes, quizáis para tapar que en pleno centro de Madrid houbese unha agresión mulitudinaria", ou "para tapar que mentres Jimmy agonizaba nas augas do Manzanares ninguén acudise a socorrelo", acrecentou. 

Francisco Jorquera lembrou na súa intervención as "57 multas executadas, de 60 mil euros cada unha" contra siareiros deportivistas, "ningunha contra integrantes do grupo nazi" Frente Atlético que fican "libres e sen cargos". 

"Agora sabemos que desde xuño hai unha testemuña protexida, hincha do Atlético, que di quen foron os asasinos e como cometeron o asasinato", sinalou o parlamentar do Bloque. Porén, nen "o xuíz nen o fiscal o citan a declarar". "Non terá a ver con que entre os presuntos implicados haxa un Garda Civil e un militar?". 

Jorquera preguntouse se nen "o xuíz" nen "o fiscal" citan a declarar a testemuña porque "entre os presuntos implicados" están "un Garda Civil e un militar"

O vice-presidente da Xunta rexeitou facer "xuízos paralelos" e "políticos" arredor do asasinato de Jimmy, como o que atribuíu a Francisco Jorquera porque, dixo, "non axudan a que se faga xustiza". Aliás, Rueda coidou que "ver intencionalidade política na actuación" é "errar o tiro". 

"Eu tamén respecto a xustiza", afirmou o parlamentar do Bloque, "non lle pedimos que a Xunta interfira na acción da xustiza" senón que "sinxelamente defenda os dereitos dun cidadán" sumándose "ao clamor que hai na Coruña e exixa que se investigue até o final". 

Desde o goberno galego afirman desexar que "caia o peso da lei" sobre os responsábeis do asasinato mais rexeitou que "a Xunta faga xuízos paralelos". Alfonso Rueda tamén amosou o "total respecto" do executivo "á memoria do siareiro e da súa familia" recusando "o uso da violencia" no deporte "e en calquera outro eido". 

Comentarios