Rueda busca que Madrid recorra o veto da UE á pesca

Na reunión, presidida por Rueda, participaron especialistas da UDC e representantes do sector. (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou onte que o Goberno galego non presentará recurso contra o regulamento da Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias. Emprazou o Executivo estatal a facelo por unha cuestión, dixo, de "lexitimidade xurídica".

O Diario Oficial da Unión Europea xa publicou o regulamento aprobado pola Comisión Europea que implica o veto da pesca de fondo en 87 zonas pertencentes a augas comunitarias "para salvar ecosistemas". Unha medida que afectará, segundo o sector, medio millar de barcos galegos e que suporá un recorte de 60% na captura da pescada. Por volta de 2.100 mariñeiros galegos estarían prexudicados, segundo a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Mar, Rosa Quintana, mantiveron onte un encontro co sector pesqueiro afectado polo veto á pesca de fondo. Xuntanza na que aproveitaron para pór de manifesto que instarán o Goberno estatal a recorrer o regulamento imposto pola Comisión Europea.

O Executivo galego anunciara días atrás que estudaría as posibilidades legais para facerlle fronte ao regulamento, mais inhibiuse e opta por que sexa o Goberno estatal quen presente o recurso. Rueda escudou a decisión nunha "cuestión de lexitimidade xurídica" e de "prosperidade do asunto". Asegurou ao respecto que, malia que a Xunta non loitará nos tribunais contra un recorte que afecta uns 500 barcos galegos, será "coadxuvante" e porase ao lado do Executivo estatal.

O xerente do Porto de Celeiro (Viveiro), Jesús Lourido, que participou no encontro con Rueda e Quintana, asegurou en declaracións aos medios que "daremos a batalla", mentres que Juan Carlos Corrás, da asociación Pescagalicia do Porto da Coruña, considerou a medida "desmesurada" e lamentou que non teña en conta "o impacto socioeconómico". Tamén criticou que o veto saíse adiante logo dun proceso de consulta "bastante nesgado", no que se lles "negou información ás asociacións e pescadores".

Se o Tribunal de Xustiza da UE admitise a trámite o recurso, sería posíbel solicitar unha suspensión cautelar da prohibición, que afecta o Estado español, Portugal, Francia e Irlanda. De momento, o Goberno español, por medio da secretaria xeral de Pesca, Alicia Villarauiz, convocou para hoxe en Madrid representantes do sector e reclamou que o veto se inclúa na orde do día do Consello de Ministros de Pesca que decorrerá na segunda feira, petición que tamén formularon Francia e Irlanda.

Unanimidade na Comisión de Pesca

A crítica ao recorte na pesca suscitou o consenso do Goberno galego e dos grupos políticos da Cámara. Precisamente, a Comisión de Pesca do Parlamento aprobou onte por unanimidade unha iniciativa presentada polo PP para analizar a situación sociolaboral e económica da frota de arrastre. A proposta dos populares saíu adiante cunha mudanza do BNG, que engadiu a necesidade de que participe nesa análise o sector e mais o Consello Galego de Pesca. A oposición aproveitou a proposta para cargar contra a "política de despezamento" de buques que, ao seu ver, promove a Xunta da Galiza.