Rueda asistirá sen novas propostas á reunión sobre o financiamento
A vicepresidenta do Goberno español e ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou a pasada sexta feira a proposta do Executivo para reformar o sistema de financiamento autonómico, un modelo que permanece caducado desde 2014. Malia recalcar Alfonso Rueda na fin de semana que a Xunta da Galiza non ía "tolerar" o que cualificou de “chantaxe”, o presidente galego non propuxo até o momento ningunha solución alternativa. Nós Diario preguntou esta segunda feira a Rueda —na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta— se o seu Goberno estaba a traballar nalgunha proposta alternativa orientada a defender os intereses da Galiza fronte a un novo sistema que aumentaría en 587 millóns de euros o importe percibido do Estado, mais que seguiría sen cubrir o custo real dos servizos públicos no país. Como resposta, limitouse a sinalar: “A ver que nos contan no Consello de Política Fiscal e Financeira [que decorrerá mañá para analizar este novo modelo]”.
O presidente adiantou que a Xunta estará presente nesta decisiva reunión e que exixirá “explicacións detalladas”. Unhas explicacións que, afirmou, “non se deron" e que é "moi difícil dar cando as cifras son as que son”. Sobre a posibilidade dunha nova reunión bilateral entre Galiza e o Estado, Rueda asegurou que el “non cre” neste tipo de encontros, aludindo tamén ás xuntanzas sobre a condonación da débeda –á que tamén se opuxo malia supor a 'quita' de 4.000 millóns de euros para o país–. Segundo o presidente galego, estas reunións “fan imposíbel que se manteña un sistema igualitario, de solidariedade e de equilibrio”. Seguindo esta mesma liña, considerou que “ningunha reunión bilateral o vai solucionar, porque estariamos no mesmo". "Para chegar a un acordo que a todos nos satisfaga, cedendo todos un pouco, hai que facelo con transparencia, todos xuntos e desde o inicio”, engadiu.
A maiores, Rueda criticou que "reunión bilateral xa houbo e o que tiña que discutirse entre todos decidiuse co representante dun partido que sostén Pedro Sánchez na Moncloa e que nin sequera forma parte dun Goberno". En relación á proposta actual, Rueda destacou que “non vale dicir que todo o mundo aumenta, porque hai que compararse co que aumentan outros, e Galiza sae moi prexudicada”. O Executivo galego acudirá á reunión de mañá coa intención "de escoitar", mais sen unha proposta clara para o país. Aínda que, iso si, mantendo que non están dispostos a aceptar as cifras esgrimidas por Montero.
O BNG chama a "reaccionar como país"
O BNG anunciou esta segunda feira que presentará no Parlamento galego unha batería de iniciativas “para buscar o pronunciamento unánime de todas as forzas políticas en contra da proposta de financiamento do Goberno do Estado". A súa portavoz de Facenda, Noa Presas, sinalou que "é lesiva para os intereses dos galegos e galegas e empeora o modelo actual, que xa era malo por discriminatorio e inxusto". A proposta nacionalista pasa por que a Xunta cambie a súa "estratexia fracasada" e negocie directamente co Estado porque, advertiu, "non abonda con quedar na crítica timorata e estéril do PP". "Galiza ten que botar os restos ante unha negociación que vai ser vital", engadiu Presas, para quen "resulta sorprendente a crítica coa boca pequena que vimos estes días desde as filas populares". O BNG pide ao Goberno de Rueda que se posicione: "Ten que escoller de que lado está, do lado de Feixoo, de Génova e do centralismo ou do lado da Galiza", sinalou Presas.
O PSdeG defende a proposta
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, volveu defender esta segunda feira a proposta de financiamento presentado polo Goberno español, se ben admitiu que "hai cuestións que se poden axustar á alza". O socialista criticou que a Xunta da Galiza o rexeite.
En canto ao financiamento local, Besteiro advertiu de que defenderán "por todas as vías, tamén as xudiciais" os dereitos dos concellos se o Goberno galego "continúa incumprindo a súa obriga de financialos mentres lles impón novas competencias sen recursos". Besteiro fixo especial fincapé no Servizo de Axuda no Fogar (SAF): "As consecuencias xa se están vendo, sobre todo nos concellos pequenos e rurais, cunha poboación moi envellecida, onde o custo de prestar o SAF é maior e os recursos son menores". Recalcou tamén que "a competencia é autonómica".
O novo modelo da ministra Montero
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou a pasada sexta feira a súa proposta para un novo modelo de financiamento autonómico, que prevé aumentar a porcentaxe de cesión do IRPF ás comunidades de 50% a 55% e a do IVE de 50% a 56,5%. Este modelo situaría Andalucía, Catalunya e o País Valencià como as comunidades máis beneficiadas. Pola contra, Galiza pasaría de estar por riba da media de financiamento por poboación axustada (103%) a situarse por baixo (97%) deste indicador, de acordo coas estimacións realizadas.
