Rueda di que irá á Comisión de investigación "se o chaman", mais esa 'chamada' só se fará se quere o PP
Alfonso Rueda comparecerá ante a Comisión de investigación do Parlamento galego só se o PP dá a luz verde. Na súa intervención esta segunda feira após a reunión semanal do Consello da Xunta da Galiza, o presidente manifestou, a preguntas deste medio, que de ser convocado a comparecer polo citado comité, asistiría. "Se me chaman, non teño ningún inconveniente", engadiu. Tanto o BNG como o PSdeG xa avanzaron a semana pasada que pedirían a comparecencia tanto de Rueda como do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. O Partido Popular non se pronunciou ao respecto. E é el, o PP, quen ten a chave, coa súa maioría na Comisión, para convocalos.
Mañá hai reunión deste Comité, onde as diferentes formacións presentarán os seus plans de traballo para a Comisión. Aí poderase coñecer se o PP acepta ou non a petición da oposición da comparecencia do presidente e do ex presidente.
Preguntado tamén por Nós Diario sobre a súa opinión a respecto de que o PP copase a Presidencia dunha Comisión que vetara no seu momento, Rueda xustificou esta manobra alegando que "somos o grupo maioritario" e acusando a oposición de querer un comité que "sexa unha cousa que eles a guisen e eles a coman".
Zonas tensionadas
Tamén a preguntas da prensa, o titular da Xunta reiterou o seu desacordo coa Lei de Vivenda e as áreas tensionadas, que "non funcionan, non resolven o problema". Neste sentido, manifestou que as zonas que están a pedir ser declaradas como áreas tensionadas "son a excepción". Con todo, insistiu en que a Xunta "cumpre as leis": "Recórreas e se gaña o recurso actúa en consecuencia, pero se non as recorre ou as recorre e non gaña o recurso, ou mentres non se ditamine, como é o caso, o que temos que facer é aplicalas".
Na súa comparecencia, Alfonso Rueda anunciou tamén o impulso do primeiro plan estratéxico da industria musical da Galiza , así como a posta en marcha dunha "estratexia de infraestrutura verde", consistente en crear unha "rede de pulmóns verdes" que axuden a combater o cambio climático nas cidades.
Súper computación
O Consello da Xunta deu o visto e prace esta segunda a destinar 55 millóns á construción dun novo edificio para o Centro de Súper computación da Galiza (Cesga) en Compostela que estará situado no polígono da Sionlla, avanzou o propio Rueda acompañado polo conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez. Tal e como explicou o presidente, a intención é que o novo edificio funcione como centro de datos e sairá a licitación "de maneira inmediata" para estar listo a mediados do ano 2026. Contará cuns 6.000 metros cadrados e albergará novos centros de cálculo, detallou Román Rodríguez.

