Rueda lamenta o erro do PP pero insiste en fomentar o eucalipto

Alfonso Rueda, este 24 de novembro. (Foto: Xunta da Galiza)

O PP pretendía modificar a flexibilización da moratoria ao eucalipto, unha intención que non chegou ao rexistro no prazo marcado pola tramitación da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2026.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu esta segunda feira o "erro" cometido polo PP ao non rexistrar en prazo as emendas coa que pretendía ampliar até o 100% a posibilidade de replantación de eucalipto, unha medida coa que buscaba flexibilizar a moratoria vixente. O Executivo galego traballa agora contra o reloxo para atopar "un encaixe legal" que permita introducir igualmente o cambio. "Non é tan sinxelo", admitiu Rueda tras o Consello.

A iniciativa naceu da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que anunciara hai un mes que os propietarios poderían replantar até o 75% da masa de eucaliptos noutro terreo como incentivo para reducir a superficie plantada. Porén, o PP pretendía modificar este límite até o 100%, unha intención que non chegou ao rexistro no prazo marcado pola tramitación da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2026.

Un "erro humano"

"O erro produciuse, errar é de seres humanos; gustaríame que non acontecera", dixo Rueda a preguntas de Nós Diario na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O presidente asegurou "lamentar sinceramente as consecuencias" da equivocación. Tamén avanzou que o Goberno galego busca unha "fórmula" para introducir igualmente a modificación, pero "sempre dentro dos procedementos e da normativa", evitando, afirmou, "saltar as regras da tramitación parlamentaria".

A medida é defendida polo PP como "axeitada" e "oportuna", malia as advertencias de organizacións ecoloxistas e científicas sobre o impacto ambiental e sobre o avance do monocultivo que favorece a expansión do eucalipto no país.

Rueda liga a defensa do eucalipto ao conflito laboral en Ence

Preguntado pola negociación do ERE en Ence Pontevedra, o presidente volveu acusar a esquerda e os colectivos ecoloxistas de querer "fechar a fábrica" e "eliminar o eucalipto da Galiza", afirmando que non lles importan "as familias que dependen" do sector. "Os mesmos que se opoñen totalmente á existencia de eucalipto na Galiza son os que piden o feche da fábrica Ence", dixo.

Mentres, o Executivo continúa a procurar unha vía legal que lle permita introducir a modificación que non conseguiu tramitar a tempo, nun novo capítulo da longa controversia arredor do eucalipto e do modelo forestal que impulsa a Xunta.