Rubén Arroxo: "A xente percibe e valora que estamos cambiando Lugo"
—O ecuador do mandato é unha data apropiada facer unha valoración do feito nestes dous primeiros anos. Satisfeito?
Foron dous anos moi complexos, con dous cambios na Alcaldía, o primeiro pola decisión de Lara Méndez de marchar para o Parlamento da Galiza e o segundo polo tráxico falecemento de Paula Alvarellos. Creo que o BNG conseguimos dar estabilidade ao Goberno municipal, e tamén fomos quen de manter a dinámica que tiñamos planificada. De feito, hoxe en día temos executado ou en proxecto todas as cuestións que levabamos no programa electoral. Estou certo de que cando remate o mandato eses compromisos cos que nos presentabamos en 2023 van estar cumpridos.
—Que retos fican por diante para o que queda de mandato?
Sobre todo concluír o modelo de cidade que temos deseñado, un modelo de cidade para as persoas. Levamos adiante ese plan de calmado do tráfico para que nenos e nenas poidan ir ao colexio de forma segura; reducir a velocidade dos vehículos; gañar espazo peonil e seguir tamén dinamizando a cidade.
—Esa aposta por outro modelo de cidade é percibido e valorado pola cidadanía?
Hai moita xente que está contenta con estas medidas, que percibe e que valora que se fan para unha mellora na súa calidade de vida. Moita veciñanza si que comparte esa visión de mellorar a cidade, con medidas cuxos resultados poden ser incluso a medio e longo prazo. Mais tamén hai xente que ten outra opinión.
Hai intervencións, como as peonalizacións, que para algunhas persoas son negativas porque, consideran, por exemplo, que prexudica os seus negocios. Algún deles, que até me insultou no seu día cando impulsabamos estas melloras porque dicía que ían ser unha ruína para todos, agora, coas obras rematadas, din que eles xa dicían hai anos que había que facelas.
—O BNG leva no Goberno local desde o ano 2019. Cando remate este mandato, após eses dous períodos, en que se vai diferenciar este Lugo da cidade de hai seis anos?
Estamos convencidos de que a cidade, todo o concello no seu conxunto, están a mudar. Hai cuestións de afectación que implican mudanzas importantes. Cando se fixo o cambio total das liñas de transporte público, foi moi cuestionado. Hai agora catro anos dese cambio, que se realizou tendo en conta unha visión técnica dos cambios poboacionais. Houbo oposición. Pero podemos dicir agora que levamos xa ano medio en que en cada mes bátense récords de viaxeiros de transporte público, o que indica que foi unha decisión acertada.
—Cales son os proxectos cos que está máis satisfeito?
Creo que do cambio de concepto da cidade a través das diferentes peonalizacións. Entre elas a da Mosqueira, ou, por exemplo, ou a do barrio de Recatelo, que agora é un barrio peonil. Ademais, a da Mosqueira serviu para que a xente se propuxese que a contorna da muralla de Lugo tamén sexa peonil, algo que nós sempre defendemos. Vai levar tempo pero é algo que hai que facer. Temos a muralla completa máis antiga do mundo, algo único, e hai que protexela e póla en valor. A propia Unesco lembra sempre que os vehículos causan dano na muralla. A actuación na Mosqueira serviu para demostrar que é posíbel. E no de Recatelo, porque peonalizamos un barrio histórico que levaba anos decaído, e vemos como agora se vai revitalizando e pode servir de exemplo para outros barios. Cito estas dúas actuacións porque creo que son medidas que fan que a cidade avance.
Conexións e vivenda, os principais retos
Preguntado polos retos pendentes, Arroxo sinala a vivenda e a conexión. "No último ano disparáronse os prezos da vivenda. Entre outras cousas, porque levamos 16 anos sen que se constrúa unha soa vivenda pública. Outro dos retos importantes é o das comunicacións, un problema grave. Falando de cidades galegas, Lugo só pode ir por autovía á Coruña e Ferrol. A de Compostela é certo que lle queda pouco pero leva 28 anos en execución. E a de Lugo a Ourense ten 12 km feitos. Unha vía que nos permitirá comunicarnos con Vigo e Pontevedra. Con Ferrol, somos a cidade galega peor conectada a nivel ferroviario. E isto ten dous problemas: o dereito a moverse da poboación, estamos restrinxidos; e o propio desenvolvemento económico do concello vese afectado por estes problemas na mobilidade".