Román Rodríguez anuncia o plan 'Recupera' para o ensino

O conselleiro de Educación presentou no Parlamento a súa folla de ruta para os próximos anos, con novos plans enfocados en "potenciar a recuperación de contidos e competencias do alumnado" afectado pola pandemia.
O Conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera O Conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo)

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, expuxo no Parlamento a súa folla de ruta para os próximos anos, con novos plans enfocados en "potenciar a recuperación de contidos e competencias do alumnado" afectado pola pandemia, as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) ou a formación profesional, entre outras.

Esta nova estrutura normativa e de planificación, anunciada como o camiño cara á reactivación, darase tanto no ámbito educativo como cultural. Un dos puntos centrais citados polo conselleiro foi o que denominou Plan Recupera, dirixido a contrarrestar as dificultades de aprendizaxe debidas á falta de adquisición de competencias provocadas pola pandemia o curso pasado.

Tamén citou a estratexia Edudixital 2030, centrada na dixitalización, dotación tecnolóxica e a adquisición de competencias STEM.

No cultural, haberá "dúas novas leis de transformación dixital e de acceso á cultura" e plans "enfocados en novos creadores", o medio rural e a internacionalización. A Xunta quere tamén impulsar a Cidade da Cultura "como centro de creación, programación de contido, estudo e investigación sobre o patrimonio", e impulsar un programa centrado nos videoxogos, unha liña de apoio a salas de cinema e o novo Plan de Danza. 

Aliás, en materia de patrimonio, impulsarase o Plan Catedrais, centrado nos templos de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. 

Como un "catálogo" de móbeis

Os grupos da oposición compararon o anuncio do conselleiro cun "catálogo de móbeis", sen concreción ningunha. O deputado Luís Álvarez (PSdeG) lamentou a falta de definición dos novos programas e de avaliación dos realizados até o de agora.

Manuel Lourenzo (BNG) criticou ademais que a caída de persoal nos centros públicos desde o ano 2009 en relación ao sistema privado-concertado, o que "dificultou" a xestión da pandemia no día a día.

Comentarios