Rodil defende o proxecto do BNG "con vocación de servir o país" fronte "ao PP máis ultra"

O BNG denuncia o xiro "perigoso" do PP cara ao "negacionismo da violencia machista" e o "discurso racista".
Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)
Olalla Rodil, esta segunda feira 7 de xullo. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento da Galiza, Olalla Rodil, fixo públicas esta segunda feira as súas preocupacións sobre o "xiro ideolóxico" do Partido Popular, que cualificou como "o máis ultra na forma e no fondo".

A representante nacionalista destacou dous aspectos "especialmente alarmantes", referíndose ao "negacionismo da violencia machista" e ao "discurso racista" que, segundo Rodil, mantén o Partido Popular.

En relación á violencia machista, Rodil denunciou que o PP abraza o discurso das "denuncias falsas, unha narrativa propia da extrema dereita". "Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que non hai denuncias falsas, mentres que tres mulleres foron asasinadas na Galiza nos últimos dous meses", recordou. 

Sobre o discurso racista, a viceportavoz do BNG criticou as declaracións do líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, quen se referiu ás persoas en situación irregular como "ilegais", negándolle dereitos universais polo simple feito de estar fóra da legalidade.

"O PP está a promover unha visión antigalega e inhumana, presentando recursos de constitucionalidade para negar protección aos menores desprotexidos", afirmou a viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento da Galiza.

Así mesmo, Rodil subliñou que Galiza non se identifica con estes valores. "Non somos machistas nin racistas. O BNG defende un proxecto político solidario, que amplía dereitos e garante unha sociedade máis xusta", destacou a representante nacionalista. 

Ademais, a viceportavoz do BNG referiuse á comparecencia do presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, no Congreso, exixindo medidas claras contra a corrupción. "As explicacións chegan tarde, mais esperamos que estean á altura do que a democracia merece", concluíu Rodil.

Eleccións estatais

O BNG non reclama aínda a convocatoria de eleccións no Estado español, porque considera que o seu pacto de investidura co PSOE "ten aínda moito por cumprir", mais farao "se se descobre" que "hai algún tipo de corrupción que implique ou salpique o Goberno".

Comentarios