AUSENTES NA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALIZA

A rexedora de Mondoñedo arremete contra os alcaldes ausentes na ofrenda do Reino de Galiza

Elena Candia foi a encargada de levar o acto relixioso despois de que Martiño Noriega rexeitara oficialo. Tampouco estiveron presentes Xulio Ferreiro, que asistiu a unha homenaxe polo primeiro aniversario da morte de María Wonenburger, nin Jorge Suárez. 

Feijoo e o bispo de Lugo ofrenda do antigo reino de galicia (imaxe:Ana Varela/Xunta)
photo_camera Feijoo e o bispo de Lugo (Imaxe:Ana Varela/Xunta)


A alcaldesa popular de Mondoñedo, Elena Candia, arremeteu contra os alcaldes ausentes na ofrenda do antigo Reino de Galiza., en relación ao novos rexedores de Compostela, Martiño Noriega, que renunciou a oficiar o acto relixioso, da Coruña, Xulio Ferreiro, e Ferrol, Jorge Suárez, que tomaron a decisión en consonancia cos programas electorais das súas candidaturas, que defenden a laicidade desde as institucións.

“O pobo que fuxe das súas tradicións e da súa conciencia renuncia a súa identidade”, dixo a alcaldesa de Mondoñedo. Si asistiron á ofrenda os novos rexedores de Lugo, a socialista Lara Méndez, e de Ourense, o popular Jesús Vázquez. Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o líder do PP de Santiago, Agustín Hernández, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outros presentes, segundo información de Europa Press.

Candia sinalou que a ofrenda pasou “por infinidade de épocas e de estados sociais, políticos e económicos” e “sobreviviu” a todos. “Estamos aquí rendendo homenaxe ao Santísimo Señor Sacramentado, mais tamén a nós mesmos como pobo”, dixo a rexedora popular nun discurso cargado de referencias aos alcaldes ausentes das Mareas.

Ferreiro responde no seu primeiro acto 

O novo alcalde da Coruña asistiu hoxe ao seu primeiro acto como rexedor. Xulio Ferreiro participou da homenaxe a María Wonenburger polo primeiro aniversario da morte da matemática. "O alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, o coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres", respondeu durante a súa intervención acerca das críticas pola súa ausencia na ofrenda.

Comentarios