Rede municipal do BNG contra "o novo Corcoesto” da mina de Touro

Responsábeis municipais nacionalistas de concellos afectados polo proxecto chaman a se mobilizar contra o proxecto de megaminaría. 

BNG CONTRA MINA TOURO

O BNG anuncia que pon en andamento unha estratexia de oposición, denuncia, mobilización e información social contra a reapertura da mina de Touro. Unha estratexia na que tomarán parte os alcaldes e concelleiros nacionalistas dos municipios afectados por este proxecto de megaminería a ceo aberto .

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas cualificou de “barbaridade” a reapertura da mina. Responsábeis municipais dos concellos de Touro, O Pino, Rianxo, Catoira, Arzúa, A Estrada, Vila de Cruces, Pontecesures, Dodro, Teo e Santiago anunciaron que se mobilizarán en contra dunha mina que “significaría 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alto tonelaxe, balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreo e con perigo directo para as vivendas e todo nunha área con forte actividade agrogandeira que, ademais, estaba incorporando xente moza”, explicou o portavoz municipal do BNG en Touro, Xan Louzao.

A contaminación que soportaría o Ulla fai que o problema afecte á actividade pesqueira e marisqueira na Ría de Arousa. “Rianxo vive do mar principalmente”, explicou a tenente de alcalde deste municipio, Adelina Cés, “por iso estamos en contra deste proxecto que ten en vilo ao sector porque pon en perigo a actividade pesqueira e marisqueira na Ría de Arousa”.

Con esta mobilización o BNG quere “alertar da dimensión que se esconde detrás deste proxecto de megaminería”, advertiu a portavoz nacional, Ana Pontón, quen está convencida de que a contestación social logrará parar “este novo Corcoesto”.

“Reclamamos a Feijóo que escoite e que poña os intereses de Galiza por riba da avaricia dunha multinacional denegando os permisos solicitados por transnacional que acumula denuncias por contaminación e por delitos contra o medio ambiente”, salientou a dirixente do Bloque. Lembrou que o proxecto de reapertura acumula máis de 1.500 alegacións, ten a oposición de concellos de todas as cores políticas e unha gran contestación social.