MANTéN A SúA CANDIDATURA AGARDANDO O FRACASO DE SáNCHEZ

Rajoy declina a oferta de Felipe VI e non se submeterá á investidura

Mariano Rajoy declina a oferta realizada polo chefe do Estado español para formar goberno e non se submeterá á investidura. Esclareceu que mantén a súa candidatura, simplesmente constata que agora non ten apoios suficientes. A súa esperanza é que fracase a vía Sánchez.

Rajoy e Felipe VI
photo_camera Felipe VI e Rajoy

Rajoy muda de roteiro -esta quinta feira anunciou que se sentía "forte" para se candidatar á reelección- e comunicou esta tarde a Felipe VI que declina o encargo que o monarca lle fixo para formar goberno.

Todo indica que Rajoy axe deste xeito ao darlle credibilidade á hipótese dun acordo entre o PSOE e Podemos, após ter trascendido que esta mesma fin de semana Pedro Sánchez e Pablo Iglesias encetarían a negociación para a formación dun eventual goberno de coligazón.

A Casa Real informou de que apartir da vindeira cuarta feira 27 de xaneiro Felipe VI estabelecerá unha nova rolda de consulta cos portavoces dos grupos parlamentares con vistas a facer un novo encargo de formación de goberno. Esa oferta só podería recaer en Pedro Sánchez, o secretario xeral do PSOE.

Rajoy declina ir á investidura ante a constatación de que non tiña nengunha hipótese de ser eleito, ao só dispor de 123 votos. Sánchez, en troca, podería chegar a ter 161 votos afirmativos (PSOE + Podemos e confluencias + IU), o que, de acadar o apoio aberto ou tácito de PNV, ERC e Democrácia i Llibertat, podería resultar na investidura do candidato socialista como novo presidente do goberno.

COMPARECENCIA DE RAJOY

O presidente en funcións e líder do PP, Mariano Rajoy, compareceu en conferencia de imprensa para explicar a súa decisión. Comezou por esclarecer que mantén a súa candidatura, simplesmente dá neste momento un paso atrás porque constata que non ten apoios suficientes para gañar a confianza da cámara. Admitiu que o desencadeante desta decisión é o horizonte de acordo entre o PSOE e Podemos, verosímil despois da oferta realizada esta mañá por Pablo Iglesias a Pedro Sánchez.

Rajoy gaña tempo, agarda que Sánchez finalmente non sexa quen de chegar a un acordo con Iglesias -para o cal precisaría tamén no mínimo o voto afirmativo do PNV e a abstención de ERC e Democrácia i Llibertat- e non renuncia, por tanto, ás súas opcións futuras.

O líder conservador voltou a defender o escenario dun acordo a tres entre PP, PSOE e Cs e desbotou que se fose retirar para dar paso a un outro candidato do seu partido co argumento de que sería defraudar a confianza depositada nel por 7 millóns de votantes.

Comentarios