Quintana: “Podemos é simpático, pero non serve para Galiza”

O ex-vicepresidente da Xunta e militante do BNG fala sobre o seu futuro: “Candidato do nacionalismo ao Congreso? Nin me vexo nin me deixo de ver. A política é algo máis que os cargos”.

anxo quintana 340
photo_camera Quintana

Anxo Quintana, ex-voceiro nacional do BNG e ex-vicepresidente da Xunta, concedeu unha entrevista a Radio Coruña-Cadena Ser na que insistiu na necesidade dunha “rebelión cidadá” que teña a Galiza como suxeito político posto que “nin a dereita, nin á esquerda, nin á outra esquerda de Madrid lles interesamos. Non nos van deixar crear riqueza”. O antigo alcalde Allariz -militante de base do Bloque- referiuse neste contexto ao ascenso que as enquisas atribúen a Podemos: “Vexo a esa formación con simpatía, pero para Galiza non vale”. 

"O bipartito foi un goberno excelente en relación co que chegou despois. Fixemos moito en pouco tempo"

Logo de que se falase en diversos foros -Xoán Bascuas de Compromiso chegou a facelo publicamente e a favor- da posibilidade de que Quintana sexa o cabeza de lista ao Congreso dunha candidatura nacionalista unitaria, o ex-alcalde de Allariz afirmou que “nese posto nin me vexo nin me deixo de ver. Pero a política está por riba dos cargos, eu xa fun de todo”. 

Na entrevista, o nacionalista tamén expresou o seu desexo de que nas próximas municipais “haxa candidaturas en clave de país en todos os concellos, como ocorreu hai catro anos, sen ir cara atrás” e tamén valorou a experiencia que supuxo o goberno bipartito: “Demostramos que o nacionalismo ten un proxecto para este país, que non só sabemos protestar. Fixemos moito en pouco tempo e ademais cumpriuse o dito de que 'outros virán que bo te farán'. En relación o que chegou despois, fomos un goberno excelente”.

Comentarios