Quintana enxalza a coordinación durante o incendio de Valdeorras, malia as críticas

A conselleira Rosa Quintana asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da FEGAMP, José Manuel Rey, para coordinaren actuacións en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais a través dos grumires (grupos municipais de intervención rápida).

O convenio entre Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias responde a unha actividade que se vén desenvolvendo desde o 2002, e formalízase agora “con carácter retroactivo”, segundo a conselleira: por este acordo con 46 concellos, investiranse 750.000 euros en accións conxuntas de prevención, defensa e extinción de incendios. Os grumires responden a unha cesión de competencias estatais en materia de protección civil, un servizo creado para poboacións pequenas onde é insustentábel manter servizos de emerxencias. Nos últimos anos, víronse afectados polas políticas autonómicas e municipais con redución de operativos e introdución de voluntariado.

Sorprendida pola cantidade de medios que convocara a sinatura do convenio, a conselleira declarou que o incendio que se orixinou a pasada sexta no Barco de Valdeorras está controlado desde a “primeira hora da tarde de onte”: “foi un esforzo sobrehumano”, afirmou, “a situación era complexa pola forza do vento e había que traballar rápido e organizadamente. Nunca houbo tantos medios traballando”.

Cifrou a superficie afectada entre 1.500 e 1.600 hectáreas, á espera da confirmación dos técnicos. Indicou que está controlado desde onte ás dúas da tarde, e que non aumentou o perímetro. Maioritariamente é zona rasa, pero tamén salientou que afectou ás poboacións, polo que hai mesmo viñas queimadas.

A conselleira gábase de que haxa 96 persoas detidas

“Tivo que haber unha coordinación moi exquisita para que se puidese dar por controlado tan rápido como se deu”, indicou. Enxalzou o traballo de todo o persoal que participou na extinción do incendio, “incluso lembro unha técnica á que eu lle dicía que marchara para a casa e non quixo marchar até que non tivo a situación controlada”.

Interrogada a respecto da intencionalidade do lume, como indicou o alcalde do Barco aos medios, respondeu “é unha zona na que ano tras ano hai incendios, e agora cómpre que actúen as forzas de seguridade do Estado e pescuden a causa do incendio”. Enxalzou tamén que haxa máis de 96 persoas detidas en relación co lume forestal, centralizando de novo a atención na busca de supostos delincuentes.

Comentarios