Acto sectorial do BNG

"Queremos un ensino público, galego e laico"

Esta mañá o Bloque Nacionalista Galego realizou un acto na Nave de Vidán de Santiago de Compostela para poñer en foco a situación do ensino galego e presentar as propostas que levarán ao congreso dos deputados. Vídeo no interior

bng_vidan_1 (1)
photo_camera Imaxe do acto no que o ensino foi protagonista. Foto: Irene Pin

O acto estivo protagonizado por Ana Pontón, a voceira nacional do Bloque, e Carlos Callón, candidato ao congreso pola provincia da Coruña. Ademais, contou coa voz do estudantado, coa presenza dunha estudante de filosofía da USC, e con Cosme Pombo, deputado provincial do BNG pola provincia de Lugo.

Ana Pontón: "A principal obriga que temos é defender un modelo alternativo que devolva a esperanza ás mozas e mozos que están nas aulas"

O BNG puxo de relevo a situación de desleixo que sofre a lingua galega nos centros educativos, como consecuencia da aplicación da LOMCE que, en palabras de Callón: "Nega a nosa realidade e sitúanos nun marco contrario ao noso idioma, cultura e historia". Por outra banda reivindicou a necesidade de que calquera pacto educativo novo se forme tendo en conta a Galiza, ao tempo que pediu que o ensino fose "público, galego e laico".

Ana Pontón fixo un repaso dos cambios negativos que, ao seu xuízo, sufriu o ensino público de Galiza, saíndo ao paso dunhas declaracións de María Dolores de Cospedal, nas que argumentou que o Partido Popular garantira a educación e non fixera recortes. Pontón dixo que o Partido Popular minte ao afirmar isto, aludindo á perda de 2.000 profesores nos últimos anos na Galiza e ao recorte de 1.500 millóns de euros no plano estatal. Incidiu, tamén, na eliminación de prazas no rural "que provoca unha grande desigualdade de oportunidades". Pontón lamentou o aumento de segregación entre nenos e nenas no ensino e o emprego dunhas reválidas que, ademais, exclúen o temario propio de Galiza da materia de exame.

Carlos Callón: "Nos libros de texto semella que o único que evolucionou ata ser homo sapiens foi o home"

A cuestión lingüística e os recortes en investimento son as principais preocupacións do Bloque, no tocante ao ensino, e son a base das súas propostas de cara ás eleccións xerais do próximo día 26 de xuño, coas que esperan poder representar os problemas propios de Galiza no congreso dos deputados. Nesta liña atópase a reivindicación de que as propiedades rurais como leiras ou galpóns non computen como patrimonio impeditorio á hora de recibir bolsas de estudo.

Outra das grandes reivindicacións do BNG é a presenza da muller nos libros de texto, que recoñeza a súa presenza na historia contemporánea e antiga e que non a exclúa dos fitos comúns a homes e mulleres. Neste senso, Callón laiouse de que "nos libros de texto semella que o único que evolucionou até ser homo sapiens foi o home. A muller xa debeu aparecer evolucionada de serie", comentaba ironicamente para facer fincapé na necesidade de que ambos xéneros teñan representación.

Comentarios