Puente prevé fechar en decembro a fase 3 do estudo do servizo de proximidade na Galiza

O ministro Óscar Puente, esta terza feira 2 de decembro no Senado. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel asegurou que nesta fase incluiranse novidades con respecto á conexión ferroviaria de Ferrol e da súa contorna.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, asegurou que o Goberno español está a dedicar "todo o esforzo" para mellorar o ferrocarril na Galiza, do mesmo modo que anunciou que a fase 3 do estudo para mellorar o servizo de proximidade na autonomía,que inclúe a proposta de explotación e a análise socioeconómica, "quedará fechada ao longo do mes de decembro".

Así o comunicou Puente esta terza feira tras ser interpelado na Cámara Alta polo senador do PP e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen lle transmitiu a necesitade "de vital importancia" para Ferrol e para o norte da Galiza de ter "un tren do século XXI".

"Pronto imos dispor dunha primeira imaxe sólida e completa de como deben ser os novos servizos ferroviarios que Galiza merece, nos que non teña ningunha dúbida se incluirán novidades en relación con Ferrol", asegurou Puente na súa resposta ao alcalde ferrolán.

A petición "dun tren do século XXI" e de mellores servizos ferroviarios no norte da Galiza xa se levou a cabo este domingo nunha multitudinaria manifestación en Ferrol á que segundo a entidade organizadora Foro Cidadán Polo Ferrocarril, asistiron 30.000 persoas, 10.000 segundo a Policía Local.

Alí a sociedade civil e política concentráronse para pedir un servizo ferroviario "digno", ante a consideración dunha "discriminación" das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal nas políticas de modernización do transporte. A petición dun "tren do século XXI" serviu de paraugas para encapsular todas as reivindicacións.