O PSOE reclama un sistema común para o Estado de avaliación da dependencia

Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)
Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)

O grupo socialista no Congreso dos Deputados rexistrou unha proposición non de lei para impulsar a creación dun sistema común para a avaliación da calidade dos servizos e prestacións do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).

Os deputados socialistas buscan coa proposta dar "continuidade e impulso ás medidas de avaliación que ofrecen a posibilidade de mellorar o diagnóstico e proporcionar unha evidencia nos resultados das necesidades de atención dos pacientes”.

"É necesario”, explica o grupo socialista, “un sistema que permita coñecer datos de referencia técnica do sector, a nivel medio e con respecto aos estándares de cada indicador”.

“Os sistemas de avaliación”, indican os deputados socialistas, “ofrecen a posibilidade de fortalecer e consolidar a cuestión avaliábel”. Nesta dirección, afirman que “unha boa avaliación permite un diagnóstico e unha evidencia nos resultados das necesidades de atención”.  

A formación aposta por un modelo que “poidan mellorar a atención e os coidados das persoas, avanzando cara aos obxectivos expostos en atención á dependencia e as directrices expostas na Resolución do 28 de xullo de 2022, da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais".

Os parlamentarios socialistas defenden “extraer conclusións sobre os servizos do SAAD para mellorar os procesos e identificar as áreas de mellora de cada recurso, en relación co segmento da súa categoría e tipo de servizo”.

Mellorar a calidade de vida dos dependentes

O grupo socialista lembra o acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e avoga por dar "prioridade aos resultados e impactos destes nas persoas e, en particular, na súa dignidade e calidade de vida".

Comentarios