O PSOE logra salvar os orzamentos de Compostela
Os orzamentos do concello de Santiago de Compostela saíron adiante na cuestión de confianza decorrida onte só cos votos dos socialistas. Os grupos municipais Compostela Aberta (CA) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) abandonaron a sesión e o Partido Popular (PP) votou en contra.
O alcalde socialista, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou o recorrer á cuestión de confianza para aprobar as contas na “necesidade imperiosa” que, na súa opinión, ten o Concello de dispor dun orzamento sabendo que “a prórroga” do anterior implicaría “a perda de investimentos”.
Ademais, Bugallo referiuse á necesidade de atender a crise social e económica derivada da pandemia e á situación de varios servizos públicos no concello “pendentes de novas adxudicacións que dependen da existencia de dotación orzamentaria suficiente”.
Pola súa banda, o popular Alejandro Sánchez Brunete explicou que, ao non saír adiante as contas no anterior pleno, no que a súa formación votou en contra, considerou a opción de pedir aos representantes do seu grupo a posibilidade de optar pola abstención por unha “cuestión de responsabilidade”.
As formacións CA e BNG mostráronse moi críticas coa “falta de diálogo” dos socialistas para configurar as contas, polo que se ausentaron do pleno e os seus votos contaron como abstencións.
A voceira do BNG, Goretti Sanmartín, censurou que o Goberno local non negociara os orzamentos coa oposición e que, despois de perder a votación no pleno, ligara as contas a unha “cuestión de confianza”, así como tamén que non se contemplen axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, como o comercio, a hostalaría e a cultura.
Esta falta de apoios ás afectadas foi así mesmo criticada pola edil de Compostela Aberta Aberta Marta Lois.