O PSOE logra salvar os orzamentos de Compostela

BNG e CA abandonaron a sesión e o PP votou en contra
Pleno do concello de Santiago de Compostela
photo_camera Pleno do concello de Santiago de Compostela. (Foto: Concello de Santiago)

Os orzamentos do concello de Santiago de Compostela saíron adiante na cuestión de confianza decorrida onte só cos votos dos socialistas. Os grupos municipais Compostela Aberta (CA) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) abandonaron a sesión e o Partido Popular (PP) votou en contra. 

O alcalde socialista, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou o recorrer á cuestión de confianza para aprobar as contas na “necesidade imperiosa” que, na súa opinión, ten o Concello de dispor dun orzamento sabendo que “a prórroga” do anterior implicaría “a perda de investimentos”. 

Ademais, Bugallo referiuse á necesidade de atender a crise social e económica derivada da pandemia e á situación de varios servizos públicos no concello “pendentes de novas adxudicacións que dependen da existencia de dotación orzamentaria suficiente”. 

Pola súa banda, o popular Alejandro Sánchez Brunete explicou que, ao non saír adiante as contas no anterior pleno, no que a súa  formación votou en contra, considerou a opción de pedir aos representantes do seu grupo a posibilidade de optar pola abstención por unha “cuestión de responsabilidade”. 

As formacións CA e BNG mostráronse moi críticas coa “falta de diálogo” dos socialistas para configurar as contas, polo que se ausentaron do pleno e os seus votos contaron como abstencións. 

A voceira do BNG, Goretti Sanmartín, censurou que o Goberno local non negociara os orzamentos coa oposición e que, despois de perder a votación no pleno, ligara as contas a unha “cuestión de confianza”, así como tamén que non se contemplen axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, como o comercio, a hostalaría e a cultura. 

Esta falta de apoios ás afectadas foi así mesmo criticada pola edil de Compostela Aberta Aberta Marta Lois.

Comentarios