28-M

O PSOE eríxese en "garante da xustiza social" fronte a un PP que fica "de perfil" ante a "podremia" de Ourense

José Manuel Laxe e Inés Rei piden desde A Coruña o voto para as candidaturas socialistas.
Inés Rei e José Manuel Laxe, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés Rei e José Manuel Laxe, esta sexta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Organización do PSdG, José Manuel Laxe, acusou esta sexta feira o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e mais o seu homólogo do PPdeG e titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, de porse "de perfil" ante a "podremia" que impera, ao seu xuízo, en Ourense, dixo, ao ser preguntado polo polémico uso de coches oficiais do máximo responsábel da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

"É un bo exemplo do que significa que o PP goberne nas institucións", apostilou, en alusión á existencia "todos os días de sucesos lamentábeis incompatíbeis cunha xestión honorábel e honesta das institucións".

Fíxoo con críticas tanto a Alberto Núñez Feixoo como a Alfonso Rueda, de quen manifestou que "se poñen de perfil coma se nada tivesen que ver". "Non sabemos por que Rueda é refén, por que non toma decisións, pero desde logo é cómplice co seu silencio de todo o que está a suceder en Ourense", puntualizou. "O responsábel de que Xácome fose alcalde é un trileiro como Feixoo, que cunha man di que ten que gobernar a lista máis votada pero en Ourense fixo alcalde a quen quedou de terceiro", expuxo tamén.

Laxe pronunciou estas declaracións a preguntas dos xornalistas nun acto na Coruña, ao ser preguntado pola información transcendida esta sexta feira que sinala que a muller e a filla do chofer de Baltar foron multadas conducindo un dos coches oficiais do titular da institución provincial, uns feitos que a Deputación vinculou cunha "mala praxe" por parte do antigo responsábel do parque móbil. "Ourense significa a casa das leas permanente", aseverou Laxe, para quen "a única resposta posíbel para porlle fin a esa situación lamentábel é coller a papeleta do PSOE o vindeiro domingo".

O PSOE, garante de "xustiza social e progreso"

O tamén coordinador da campaña electoral do PSdeG pediu o voto para os candidatos socialistas como mellores garantes da "xustiza social" e do "progreso" nos concellos galegos. Puxo como exemplo a xestión dos alcaldes e alcaldesas socialistas nas principais urbes galegas, que presentou como a mostra de "cidades que avanzan", e as propostas dos candidatos do PSOE. Da outra banda situou "inventos de outros" e un PP que "agocha aos candidatos para falar de ETA" e que "nalgunhas cidades nin chegaron a presentar programas nin solucións aos problemas da xente".

Pola súa parte, a alcaldesa da Coruña e candidata á reelección, Inés Rei, pediu unha maioría "solvente, sólida e sen ataduras" para liderar a cidade co obxectivo de desenvolve o seu modelo de cidade centrado na "ilusión, orgullo, ambición, liderado, recuperación e progreso". Comparouno con "outros que apostan polo gris, a crispación e falar mal da cidade".

Rei rematará a campaña cun reparto electoral no mercado da Praza de Lugo, "apoiando a revitalización dos mercados e do pequeno comercio", antes de participar nun encontro con mulleres, nunha "aposta clara pola igualdade". Gabouse de ser a "única candidata muller" á Alcaldía e defendeu unha "cidade aberta, cosmopolita e á vangarda, que tamén aposta por contar con 50% da poboación que somos as mulleres".

Comentarios