O PSdeG pide a Rueda que se sume ao pacto de emerxencia climática para "frear os incendios de sexta xeración"

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta. (Foto: Nós Diario)

A deputada Carmen Rodríguez Dacosta lembrou as recomendacións achegadas por varios expertos ao Parlamento da galiza en 2019: ordenación forestal, diversificación dos usos da terra e educación ambiental, entre outras.

O PSdeG apelou hoxe á unidade política e social para facer fronte á vaga de incendios que está a arrasar Galiza e instou Alfonso Rueda a sumarse ao pacto sobre emerxencia climática anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e adiantado por José Ramón Gómez Besteiro o pasado 13 de agosto en Maceda (Allariz-Maceda).

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta advertiu que "só desde a responsabilidade compartida se pode dar unha resposta real a uns lumes de sexta xeración alimentados polo cambio climático" e reclamou medidas inmediatas para apoiar as persoas afectadas.

Rodríguez Dacosta insistiu en que "o primeiro agora é apagar o lume, pero non podemos quedarnos aí". Reclamou activar canto antes plans de axuda ás persoas damnificadas e intervir de maneira urxente nas zonas queimadas para evitar que a erosión e a perda de solo agraven aínda máis a catástrofe. Así, pediulle a Rueda que "as medidas que habilite sexan inmediatas, porque os afectados non poden esperar".

Nese sentido, puxo en valor o compromiso do Goberno español, lembrando que este domingo o presidente Sánchez prometeu máis efectivos militares para reforzar o dispositivo contra os incendios e esa mesma tarde chegaron 250 militares adicionais. "Esa é a diferenza entre actuar con responsabilidade e adiar as solucións. Galiza necesita apoio inmediato, non boas palabras para dentro dun mes", subliñou.

Falta de medios e previsión

A deputada reiterou unha denuncia que o Grupo Socialista leva tempo facendo, como é a falta de efectivos nos servizos de extinción. "As prazas sen cubrir, as brigadas incompletas, os retrasos no Pladiga… Todo isto, que parecía só burocracia, agora tradúcese en menos mans e menos ollos no monte cando máis se precisan", explicou.

Engadiu que "non podemos seguir con políticas de parches. Non chega con mobilizar ao Exército para abrir cortalumes cando o lume xa está enriba. Ese traballo debía estar feito antes".

Máis aló da emerxencia inmediata, Rodríguez Dacosta chamou a unha reflexión seria. "Xa en 2019 un grupo de expertos entregou ao Parlamento recomendacións moi claras: ordenación forestal, diversificación dos usos da terra, educación ambiental… E nada diso se puxo en marcha. Levan máis dun lustro agardando nun caixón", lembrou.

Neste sentido, destacou a proposta do presidente Pedro Sánchez dun pacto de Estado contra a emerxencia climática, do que xa falara Besteiro en Maceda. “É unha oportunidade que Galiza non pode deixar pasar, e convidamos ao señor Rueda a ser valente e sumarse. Porque só desde a unidade poderemos defender a nosa terra das chamas. Galiza non pode seguir loitando cun modelo forestal propio do século pasado cando o que temos diante son incendios de sexta xeración, alimentados polas temperaturas extremas do cambio climático".