O PSdeG insta a Xunta da Galiza a "pasar do papel á acción" na loita contra a violencia de machista

Paloma Castro ve unha "irresponsabilidade absoluta" o cuestionamento do sistema Vioxén por parte da conselleira de Igualdade, Fabiola García.

A deputada do PSdeG Paloma Castro, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A deputada do PSdeG Paloma Castro, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Paloma Castro, reclamou esta segunda feira á Xunta da Galiza que atenda a reivindicación social e "pase do papel á acción" contra a violencia de xénero e apoie a loita de toda a sociedade contra o terrorismo machista.

A socialista ofreceu unha rolda de prensa con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres para pedir ao Goberno galego que exerza a cobertura legal da que dispón e empece por cumprir os plans executivos que "non están a cumprir".

Castro apuntou que "non chega" con celebrar actos na rúa e que é necesario tomar "medidas reais" para frear os asasinatos machistas e preservar a integridade das mulleres, especialmente despois dunha "fin de semana negra". Así, aludiu dúas vítimas de agresións machistas rexistradas o domingo na Galiza.

A parlamentaria advertiu que o que non axuda é a "irresponsabilidade absoluta" mostrada pola conselleira de Igualdade, Fabiola García, que segundo indicou secunda o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de cuestionar o sistema Vioxén, coa que "están a pór en risco a seguridade das vítimas".

Advertiu, ademais, do "contrasenso" que supón empezar dicindo que as vítimas teñen que denunciar para, acto seguido, dicir que o sistema que as protexe "non é efectivo", como, segundo sinalou, fai a conselleira. Así, Castro criticou o "intolerábel cuestionamiento dun sistema que salva vidas e que está en continua revisión e mellora" porque "funciona e protexe" por un amplo equipo que traballa de forma "permanente e continua" para que as mulleres estean protexidas.

Paloma Castro apelou ao traballo "incansábel" das forzas e corpos de seguridade encargadas de facer o seguimento 24 horas ao día 365 días ao ano, e medidas como o sistema Cometa, que vén de renovar as pulseiras de seguimento. Reiterou que "o sistema funciona" e incidiu en mandar unha mensaxe á mulleres vítimas e a todas as testemuñas de casos de violencia de que "dean o paso de denunciar, porque é a chave que abre a porta da súa liberdade".

“Fascismo misóxino”

Paloma Castro reclamou a implicación de toda a sociedade para illar os agresores até erradicar o que cualificou de "terrorismo machista, que pon en risco a liberdade, a igualdade e a democracia", nunha "sorte de fascismo misóxino" que supón o "exercicio do poder extremo dun ser humano sobre outro ata a súa morte". Así, chamou ao compromiso da sociedade para impedir que calen as mensaxes negacionistas que provocan que o 23% dos mozos e o 13% das mozas pensen que o machismo é un invento ideolóxico.

Tamén advertiu que a pesar de todos os avances lexislativos e sociais os índices de violencia machista "seguen sendo escandalosamente altos e absolutamente inaceptábeis", e levan a pensar na persistencia dun tipo estrutural de violencia machista.

Castro emprazou a traballar en tres eixos, como son a educación, a formación en igualdade dos profesionais que traballan en primeira liña coas mulleres vítimas e na coordinación interinstitucional que asegure unha asistencia adecuada ás vítimas que decidan denunciar, coordinando o ámbito xudicial, psicolóxico, laboral, económico, habitacional e de protección.

A socialista lamentou que o Goberno galego "non estea a tomar en serio o papel fundamental dunha educación en igualdade para crear unha sociedade de futuro que sexa igualitaria" e lamentou que a conselleira non asumise que no pleno do Parlamento foi aprobada unha proposta socialista para incorporar a educación afectivo-sexual nas escolas para partir do próximo curso.

A parlamentaria socialista sotivo que non chega con manter charlas nos institutos, senón que debe formar parte do currículo educativo. "Só así será posíbel que os nenos e as nenas crezan tendo claros os conceptos da igualdade, o respecto mutuo, a solución non violenta de conflitos nas relacións, o rexeitamento da violencia contra as mulleres, ou o que é a violencia sexual, a pornografía e a prostitución", dixo.

Comentarios