O PSdeG exixe "responsabilidades" a Rueda por "ocultar" a denuncia por agresión sexual contra o agora ex conselleiro do Mar

A deputada socialista Paloma Castro, esta quinta feira 5 de xuño. (Foto: Nós Diario)
Castro subliñou que "resulta especialmente grave" que se filtrase o seu nome. "Cremos que é unha vulneración intolerábel da súa privacidade e unha mostra máis das dificultades que tantas mulleres atopan cando deciden denunciar", afirmou.

O PSdeG exixiu "explicacións e responsabilidades" ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, por "ocultar" durante "meses" un "feito tan grave" como a denuncia por agresión sexual contra o agora ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares.

"O presidente Rueda sabía desde hai meses que o conselleiro do Mar estaba a ser investigado por unha presunta agresión sexual. Sabíao e decidiu non facer nada", denunciou a parlamentaria socialista Paloma Castro nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira na Cámara galega.

A representante do PSdeG censurou que Vilares seguise no cargo representando á Xunta e tomando decisións. "Non só é unha irresponsabilidade, senón que é un gran cinismo", dixo. "Se é capaz de ocultar un feito desta dimensión, sabendo ademais que antes ou despois sería público e transcendería, que nos estará a ocultar Rueda?", preguntouse.

Todo iso despois de que na xornada da cuarta feira o agora ex conselleiro do Mar comparecese en rolda de prensa para informar de que presentara a súa dimisión despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) lle notificase que estaba a ser investigado.

A deputada do PSdeG trasladou todo o seu "respecto e solidariedade" coa vítima e rexeitou a súa "exposición e sinalización pública". "É importante pór o foco onde corresponde, que non é na vítima, senón na súa protección e no seu dereito á intimidade", afirmou.

Por iso, subliñou que "resulta especialmente grave" que se filtrase o seu nome. "Cremos que é unha vulneración intolerábel da súa privacidade e unha mostra máis das dificultades que tantas mulleres atopan cando deciden denunciar", afirmou para pedir que "se investigue quen fixo esa filtración e que se depuren responsabilidades por iso".

Neste sentido, conforme apuntou a parlamentaria do PSdeG, "ser unha persoa mediática non dá dereito a que a súa intimidade sexa vulnerada". Todo iso despois de que na xornada da cuarta feira transcendese a identidade da muller que interpuxo a denuncia.

Censura a reacción dos cargos do PP

Ademais, a dirixente socialista censurou a postura que están a adoptar responsábeis do Partido Popular, ao trasladar o apoio ao conselleiro denunciado. "As declaracións destes días van pasar aos anais da historia como exemplo do que nunca se debe de facer nun caso así", sostivo Castro.

A parlamentaria socialista tamén subliñou que é "intolerábel" que se trate de enxalzar a figura do conselleiro e cualificar como "un acto de heroísmo" a súa dimisión cando estaba "atrapado" nunha causa que ía explotar.

Ademais, sostivo que Vilares "aproveitouse durante todo este tempo do aforamento" que lle outorgaba a súa condición do deputado no Parlamento da Galiza para "poder ocultar e esgotar uns feitos" polos que dimitiu cando "non lle quedaba outra".

Por iso, sostivo que "a dimisión de Vilares non fecha nada", senón que Rueda debe dar explicacións públicas e asumir responsabilidades, ademais de "pedir desculpas á cidadanía por ocultar información nun casto tan grave".

"Insistimos primeiro no respecto á vítima e á súa intimidade e á presunción de inocencia, mais tamén á transparencia e explicacións por parte de quen, como presidente de todos os galegos e galegas escondeu este tema durante todo este tempo", apuntou.

Ademais, subliñou que "non se poden permitir os silencios nin encubrimentos nin os discursos que poñan en dúbida o valor das denuncias". Por iso, avanzou que a súa formación presentará unha batería de iniciativas para que Rueda aclare os motivos polos que "escondeu durante todo este tempo" a denuncia.