O PSdeG defende o acordo do Mercosur coa Unión Europea, "o espazo de maior seguridade alimentaria do mundo"

Nicolás González Casares e Paloma Castro, este 23 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
Nicolás González Casares confía na aprobación das "salvagardas".

O eurodeputado do PSOE Nicolás González Casares asegurou que entende a "lexítima preocupación" do sector agrogandeiro galego após a sinatura do acordo da Unión Europea (UE) co Mercosur, pero defendeu que a UE é "o espazo de maior seguridade alimentaria do mundo".

Fíxoo esta sexta feira nunha rolda de prensa –convocada para anunciar o rexistro en Bruxelas nun paquete de iniciativas para garantir "unha pesca sostíbel con plena seguridade xurídica"– na que volveu insistir en que "ademais das salvagardas, vai haber controis", polo que quixo "desbotar a loia" de que vai chegar "carne practicamente podre".

Así, insistiu en que todo o que entra "ten controis" e non se vai poder vender nada "que non se puidera vender en orixe na UE".

Neste contexto, e despois de que a Eurocámara decidira enviar o tratado ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) –co voto en contra de Casares e dos dous eurodeputados galegos do PP–, o parlamentario socialista manifestou que o importante é contar "coas salvagardas aprobadas". Agora, afirmou, "vai dar tempo a que se aproben no pleno de febreiro" e "estarán a tempo coa ratificación por parte dalgúns países" do tratado comercial co Mercosur.

Acaba a tractorada, mais non as mobilizacións

Tamén esta sexta feira, gandeiros e agricultores que mantiveron fechada a N-120 en Ourense durante unha semana en protesta contra o acordo UE-Mercosur disolveron a manifestación. A tractorada foi escoltada pola Policía local para "facilitar a súa saída da cidade" e a vía volve estar aberta ao tráfico desde a tarde de onte.

Con todo, os manifestantes incidiron na súa intención, "por unanimidade" de continuar coas protestas até poder manter unha xuntanza con algún cargo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O SLG reúnese co comisario de Agricultura da CE

Pola súa parte, o secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego (SLG), Brais Álvarez, reuniuse en Bruxelas xunto a unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina co comisario de Agricultura e Alimentación da Comisión Europea (CE), Christophe Hansen. O sindicato agrario trasladoulle o seu "rotundo non" ao acordo da UE co Mercosur.