O PSdeG acusa a dirección da TVG de desprotexer a propiedade intelectual dos proxectos presentados ao medio

Unha demanda levada ao Parlamento galego após a Televisión da Galiza plaxiase unha proposta de Ibon Uzkudum
A deputada do PSdeG, Sivia Longueira, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
A deputada do PSdeG, Sivia Longueira, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A portavoz do PSdeG na Comisión de Control da CSAG -antiga CRTVG- no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, acusou esta sexta feira á dirección do ente de desprotexer a propiedade intelectual dos proxectos presentados diante deste medio público. Longueira reclamou unha normativa para garantir a protección destes proxectos, ao que a directora xeral se negou.

Longueira presentou unha pregunta diante da denuncia imposta polo produtor vasco Ibon Uzkudum por plaxio por parte da canle autonómica, que asegura que o programa Vaia Troula copiou o formato do Jai Giro, realizado por el na televisión vasca, logo de que fora ofrecer o formato en San Marcos. Explicou que a demanda está actualmente pendente de resolución na audiencia provincial da Coruña.

 A deputada socialista lembrou que non é a primeira vez que se coñecen plaxios de proxectos, pero neste caso “o demandante non espera tan sequera un beneficio económico, senón que se recoñeza o seu traballo”. Longueira criticou que a xerencia da CSAG se opoña a redactar unha normativa que protexa aos prototipos de proxectos que reciben a cotío, "limitándose a responder que se alguén foi plaxiado que o denuncie".

 Esta proposta foi presentada, explicou, a raíz da demanda plantexada por Uzkudum, que segundo explicou, no ano 2009 preséntalle á responsábel de programas da Galega unha copia do seu programa para que poida facerse na Galiza.

 A responsábel da TVG acordou daquela pórse en contacto para fechar a colaboración, pero pasados uns meses “a familia galega de Ibon chámao pensando que é el mesmo o que está presentando o Vaia Troula”, que aparece coa mesma caracterización, polo que o produtor e presentador respondeu presentando unha demanda por apropiación dos dereitos de propiedade intelectual.

Comentarios