As prioridades de Rueda segundo Pontón: o espolio eólico e colocar a “bomba ambiental” de Altri no corazón da Galiza
A portavoz nacional do BNG acusa o presidente galego de ser o "presidente máis desleal da historia da Galiza": "Non traballa para as galegas, traballa para o PP".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "deixe de pór ao PP por enriba da Galiza" e reduciu o seu discurso no Parlamento galego a "un refrito de iniciativas xa presentadas" sen "proxecto de futuro".
Pontón pronunciouse deste modo en resposta á comparecencia do titular do Goberno galego no Parlamento da Galiza, ao que lle afeou que non convocase un debate de Estado da Nación e se limitara a comparecer nun pleno ordinario, o que lle outorga a el "un tempo ilimitado" e aos grupos só "dez minutos". "Pensei que era vostede máis demócrata", trasladoulle.
Na súa quenda de palabra, a líder do BNG lamentou que Alfonso Rueda non ofrecera "ningún proxecto de futuro nin ningunha alternativa ás galegas" nun discurso que definiu como un "refrito de iniciativas xa presentadas".
Tras iso, volveu a criticar Rueda por renunciar á quita da débeda. "Que lle molesta, que a conseguiu o BNG?", preguntoulle para emprazar o presidente a "pór Galiza por diante dos intereses do PP". A líder do BNG afeou a Rueda que queira que Galiza deixe atrás o que xa ten Euskadi e do que vai conseguir Catalunya: "A chave do seu diñeiro". "Sabe cal é a explicación a todo isto, señor Rueda? O seu servilismo, a súa submisión ao PP de Madrid", dixo.
Espolio eólico e “bomba ambiental” no corazón da Galiza
Pontón referiuse a Rueda como o "presidente máis desleal da historia da Galiza". "Vostede non está a traballar para os galegos e para as galegas, vostede traballa para o PP e para as empresas amigas", censurou para acusar o presidente galego de "pór a alfombra vermella" ás eléctricas para que "se forren roubando" aos galegos o vento. "E este plan de espolio ten agora unha nova fase", sostivo para referirse á sociedade Recursos da Galiza como unha "cortina de fume" para tratar de acalar "toda a indignación social que hai co espolio eólico".
Nesta liña, Pontón dixo que a "obsesión" do Goberno do PP é "desbloquear o espolio eólico deste país" para que as eléctricas "sigan forrándose á conta das galegas". "Esa é a súa primeira prioridade, a segunda é colocarnos unha bomba ambiental no corazón da Galiza. Permitir que unha multinacional como Altri poña unha macrocelulosa contaminante que, por certo, non quere Portugal", argumentou.
Por último, criticou os "anuncios de miles de vivendas" por parte da Xunta detrás dos que só hai "un boicot ás medidas valentes en favor da xente" como as que está a tomar o Concello de Santiago para regular as vivendas de uso turístico.
"Sempre elixe o lado equivocado", lamentou Pontón, que tamén se referiu á folga indefinida convocada polas traballadoras e os traballadores da CRTVG nun contexto no que o PP "pretende dar unha nova volta de porca á manipulación de medios cunha lei para nomear a dedo o próximo director e recortar a presenza do galego" nos medios públicos da Galiza.