Principia o proceso constituínte para unha nova organización independentista

Baixo o lema ‘Sumarmos forzas pola ruptura’.

[Imaxe: GZ Foto] Bandeira da Patria
photo_camera [Foto: GZ Foto] Bandeira da Patria

‘Sumarmos pola ruptura’ é o nome do proceso constituínte que principia este mes de outubro para a creación dunha nova organización que “aposte polo reforzo do espazo independentista, socialista e feminista no soberanismo galego”, segundo as impulsoras.

Un proceso que nace da decisión adoptada polo Movemento Galego ao Socialismo (MGS) na súa III Asemblea Nacional de fechar un ciclo para afrontar “o novo escenario político e social que vivimos”, marcado pola “crise económica e social”.

A suma de forzas na esquerda soberanista é un dos eixos deste proceso, una condición que sitúan como necesaria de cara a “avanzar no camiño da ruptura democrática co actual Réxime Español e avanzarmos no horizonte estratéxico da República Galega”.

‘Sumarmos forzas pola ruptura’ aposta por unha “organización flexíbel, coherente e fundamentada no traballo militante”, un proxecto “radicalmente democrático e asemblear” que se enmarque na “firme aposta na unidade de acción en base a obxectivos comúns, queremos intervir e contribuir desde posicións de clase no reforzo das organizacións frentistas e de masas : o BNG, a CIG e todos os movementos sociais transformadores”.

Entenden as impulsoras do proceso constituínte que “é imprescindíbel motivar, tensionar e mobilizar forzas e vontades, con “novos modelos organizativos que teñan en conta a realidade social e a crecente precariedade das nosas vidas. Desde novas formas de intervención social, que contribúan á autoorganización do noso pobo e á construción de alternativas en todos os ámbitos”.

Comentarios