O presidente da Deputación de Lugo sofre un accidente cun xabaril e pide á Xunta "políticas de control" do animal

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
"Posibelmente sexa necesario que desde a Administración, neste caso a galega, que é a que ten as competencias, se fagan políticas de control destes animais que andan polos nosos montes", explicou José Tomé.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reclamou esta sexta feira á Xunta da Galiza que implemente "políticas de control" da poboación de xabarís, unha petición que traslada tras sufrir el mesmo un accidente cun destes animais a pasada segunda feira.

Tomé apelou a que "unha alta porcentaxe" dos sinistros, concretamente "máis dun 60%", foron provocados por animais.

En base a iso, reivindicou "políticas de control" non só de xabarís, senón tamén de corzos.

"Posibelmente sexa necesario que desde a Administración, neste caso a galega, que é a que ten as competencias, se fagan políticas de control destes animais que andan polos nosos montes", explicou.

O presidente da Deputación sufriu un accidente a pasada segunda feira, día 23 de xaneiro, impactando contra un xabaril, no corredor que vai de Chantada a Monforte, á altura do concello do Saviñao.

O suceso

Foi sobre as 19.30 horas da tarde, cando regresaba "só" a Monforte (municipio do que é alcalde) no seu "coche particular".

"Cando empezaba a baixar desde Escairón (O Saviñao) a Monforte cruzouse un grupo de xabarís e un deles impactou contra o coche, sen tempo a reaccionar", relatou.

Afortunadamente, a el non lle pasou máis nada que unha ferida nun dedo, pero o coche "quedou sinistro total e non vale para arranxar", describiu finalmente José Tomé.