Presentada a moción de censura en Noia

A moción conta co apoio de nove concelleiros e concelleiras, o que representa a maioría absoluta do pleno municipal. Como candidato á Alcaldía proponse Francisco Pérez Caamaño, concelleiro do PSdeG.
noia
Concello de Noia. (Foto: Concello de Noia)

Os grupos municipais do PSdeG, BNG, Marea Cidadá de Noia e o concelleiro non adscrito Luis Alamancos presentaron esta segunda formalmente unha moción de censura contra o actual alcalde de Noia, José Santiago Freire  (PP), “co obxectivo de restaurar a legalidade institucional, recuperar a confianza cidadá e impulsar unha xestión pública baseada na transparencia, a planificación e o ben común”, segundo indica a formación socialista nun comunicado.

A moción conta co apoio de nove concelleiros e concelleiras, o que representa a maioría absoluta do pleno municipal, cumprindo así todos os requisitos legais establecidos na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), conforme á recente Sentenza do Tribunal Constitucional 134/2025.

Os promotores da moción salientan que esta decisión non responde a intereses partidistas, senón “á necesidade urxente de corrixir un rumbo político esgotado e desconectado das necesidades reais da veciñanza. O Goberno actual, liderado por Santiago Freire, afundiu Noia nunha situación de deterioro institucional que afecta directamente á calidade de vida dos seus habitantes”.

Neste sentido, critican a “falta de transparencia e uso abusivo da contratación menor, que impide a concorrencia competitiva e compromete a legalidade na xestión dos recursos públicos”, así como “infraestruturas abandonadas ou sen uso efectivo, como o centro de Abruñeiras, o Albergue, a Praza de Abastos ou a piscina municipal.”

Engaden cuestións como “unha situación financeira crítica, con elevada débeda acumulada por empréstitos, obrigas económicas coa Mancomunidade, conflitos laborais sen resolver con importantes cantidades pendentes de pago aos traballadores, e procedementos xudiciais abertos que poderían supoñer un desembolso superior aos cinco millóns de euros”.

“A veciñanza de Noia merece un Goberno que planifique, que renda contas, que poña os intereses colectivos por riba das inercias partidarias. A moción de censura é a única vía que nos queda para poñer fin á ineficacia e recuperar o rumbo institucional”, sinalan os asinantes do escrito. Como candidato á Alcaldía proponse Francisco Pérez Caamaño, concelleiro do PSdeG, quen conta co apoio dos grupos impulsores.

As “condicións” do BNG

O BNG e o PSdeG asinaron un acordo coa intención de “impulsar un cambio político en Noia”, a través dunha moción de censura contra o actual rexedor do PP. "A nefasta xestión de Santiago Freire [actual alcalde] lévanos a dar este paso, queremos que haxa unha mudanza de rumbo ante a cada vez máis desnortada forma de funcionar dun Concello carente de folla de ruta", salienta o portavoz da formación nacionalista en Noia, Ricardo Suárez.

"As eivas da acción de Goberno do PP e do NO.I.A. non poden continuar. É preciso acabar cunha situación que cada vez é máis calamitosa. Noia está cada vez máis abandonada e o clientelismo é cada vez máis grave", asevera o portavoz do BNG.

Neste sentido, no documento asinado por Ricardo Suárez e Francisco Pérez, portavoces do BNG e do PSdeG de Noia, a formación nacionalista pon 12 condicións para a investidura do socialista. "Trátase de 12 compromisos e liñas de actuación para que o cambio na Alcaldía implique unha mellora da nefasta xestión do Goberno actual", explica Suárez.

"O noso apoio non será un cheque en branco. O noso único compromiso e a nosa única lealdade é con Noia e cos intereses de Noia", afirma o nacionalista. "Seguiremos de perto o cumprimento destas 12 condicións se a investidura de Pérez prospera, e manteremos unha actitude activa para seguir a acción de Goberno e buscar acordos que satisfagan as necesidades da veciñanza", conclúe.

Entre as condicións nacionalistas está a de que o novo Goberno local non se apoie para sacar adiante as propostas nin no PP non en NO.I.A; o compromiso de aprobar unha redución do gasto político no Concello de Noia en 20%;  estabelecer un plan plurianual para a culminación do saneamento integral do municipio ou tamén aprobar a redacción e implementación dun plan de mobilidade para a xestión do tráfico rodado.

Outros acordos entre ambas as dúas formacións son a de estabelecer contactos con Portos da Galiza coa intención de frear a intención desta institución de estabelecer unha explanada de 6.300 m2 de formigón no paseo marítimo e negociar un novo proxecto integral para esta localización; ou impulsar a cesión de solo para vivenda pública.

Comentarios