PP, Vox, Junts e UPN tomban no Congreso os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública das administracións

A ministra de Facendo, María Jesús Montero, este 27 de novembro no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
O Ministerio de Facenda volverá levar a mesma senda en próximas datas, e se se volve rexeitar, o Goberno español seguirá adiante coa presentación de Orzamentos de 2026 utilizando a senda de estabilidade que remitiu á Comisión Europea en 2023.

O Congreso rexeitou esta quinta feira cos votos de PP, Vox, Junts e UPN os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública para o conxunto das administracións entre 2026 e 2028, o que supuña o paso preliminar á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2026.

No que respecta ao resto de grupos, os partidos do Goberno español (PSOE e Sumar), o BNG, Bildu, PNV e Coalición Canaria votaron a favor da proposta, mentres que Podemos e a deputada de Compromís integrada no grupo mixto, Águeda Micó, abstivéronse.

Con esta xa van cinco as veces que o Goberno español tenta nesta lexislatura aprobar esta senda de déficit e non o consigue, ben sexa porque o PP a tombou no Senado ou porque Junts se desmarcou do bloque de investidura e a rexeitou no Congreso.

O Ministerio de Facenda volverá levar a mesma senda en próximas datas, e se se volve rexeitar, o Goberno español seguirá adiante coa presentación de Orzamentos de 2026 utilizando a senda de estabilidade que remitiu á Comisión Europea en 2023 no marco do programa de estabilidade.

Esta estratexia xa foi avalada pola Avogacía do Estado cando o Senado tombou os obxectivos de estabilidade até en dúas ocasións en 2024 e os devolveu ao Consello de Ministros e Ministras. Iso si, a senda alternativa supón conceder menos capacidade de gasto ás autonomías.

Montero prevé presentar as contas en 2026

Con todo, a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, confía en poder presentar o proxecto de Orzamentos de 2026 no Congreso a principios ou mediados do primeiro trimestre do ano que vén, de maneira que as contas públicas poidan estar aprobadas ao longo de abril ou maio.

Os obxectivos de estabilidade presentados polo Goberno español e rexeitados pola Cámara Baixa expuñan reducir o déficit do conxunto de Administracións Públicas desde 2,1% en 2026, a 1,8% en 2027 e a 1,6% en 2028. Por subsectores, fixábase un déficit de 0,1% do PIB para as comunidades autónomas os anos 2026, 2027 e 2028, á vez que se marcaba a estabilidade orzamentaria como obxectivo para os concellos nese período.

Para a Administración Xeral do Estado o déficit era de 1,8% en 2026, 1,5% en 2027 e 1,4% en 2028; mentres que a Seguridade Social tiña marcado un déficit de 0,2% en 2026 e 2027 e de 0,1% para 2028. Pola súa parte, propoñíase un 'teito de gasto' récord de 216.177 millóns de euros en 2026.