O BNG vota a favor dos obxectivos de estabilidade e débeda e afirma "traballar para facer posíbel" un orzamento que beneficie Galiza
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, alén de explicar o voto positivo, reflexionou esta quinta feira na Cámara Baixa sobre as repeticións do debate sobre os obxectivos de estabilidade orzamentaria, de débeda pública e de límite de gasto, que segundo dixo, "é xa case como o Día da marmota".
"Repítese unha e outra vez e xa perdemos a conta das ocasións en que ou non foi aprobado ou non serviu para que houbese Orzamentos do Estado", incidiu o representante da formación nacionalista antes de avaliar os contidos da proposta realizada polo Ministerio de Facenda.
"En todo o caso, o BNG mantén a posición expresada nas anteriores ocasións", manifestou. "Gústanos a proposta? Evidentemente non. Porque non partillamos que a decisión da Comisión Europea de volver ao control do déficit, redución da débeda e o seu mantemento en magnitudes que achan sustentábeis no longo prazo sexa a máis adecuada", explicou.
"O BNG rexeita estas políticas porque temos a convicción de que na actual situación, en que se manteñen aínda moitas incertezas, para asentar a recuperación económica é precisa unha política económica e fiscal expansiva para reforzar os servizos públicos e potenciar a recuperación e o emprego", expresou Rego.
"No entanto, igual que fixemos en ocasións anteriores, votaremos a favor", anunciou. "Por que? Basicamente por dúas razóns, porque se así non fose os criterios a aplicar serían peores, especialmente para concellos e autonomías, e, sobre todo, porque para nós o fundamental neste momento é que poidan ser elaborados uns orzamentos que permitan verificar políticas necesarias, entre elas, as previstas no acordo de investidura asinado co BNG, que benefician o conxunto dos galegos e galegas", evidenciou o nacionalista.
"Sabemos que o escenario para que iso aconteza é difícil e complexo. Porén, o BNG está a traballar para facelo posíbel, sen esquecer a perspectiva de que é necesario un compromiso claro do Goberno para aumentar os investimentos na Galiza e para activar un novo sistema de financiamento -aínda onte [por esta cuarta feira] nesta mesma tribuna reclamábamos o concerto para a Galiza- de maneira que se poña termo aos déficits históricos do no país nestes ámbitos", concluíu o deputado galego.
Malia o voto favorábel do BNG, entre outras formacións, o Congreso rexeitou esta quinta feira cos votos de PP, Vox, Junts e UPN os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública para o conxunto das administracións entre 2026 e 2028, o que supuña o paso preliminar á presentación dos orzamentos xerais do Estado de 2026.