Pedro Branco di que Alfonso Rueda "terá que explicar por que está a renunciar a case 300 millóns" polo voto do PP á senda de déficit

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, o pasado 27 de febreiro. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)
O Congreso rexeitou esta quinta feira cos votos de PP, Vox, Junts e UPN os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública para o conxunto das administracións entre 2026 e 2028.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, advertiu de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "terá que explicar por que está a renunciar a case 300 millóns" co 'non' do seu partido á senda de déficit.

O Congreso rexeitou esta quinta feira cos votos de PP, Vox, Junts e UPN os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública para o conxunto das administracións entre 2026 e 2028, que é o paso preliminar á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2026.

A preguntas dos xornalistas antes dun acto en Santiago de Compostela, Branco sinalou "se finalmente o PPdeG non vota a favor, o presidente Rueda terá que explicar aos galegos por que está a renunciar a case 300 millóns de euros que servirían para atallar necesidades" da Galiza.

"Non parece de recibo nin razoábel que pola mañá se estean pedindo recursos e pola tarde, por uns espurios motivos, estea a renunciarse a esa senda de déficit", criticou o delegado do Goberno español.

Neste sentido, apuntou que en 2026 serían, segundo os seus números, máis de 11.600 millóns "entre entregas a conta e ademais a liquidación, case un 7,5% máis que en 2025". "O importante é ver que é o que perdemos, e estamos a perder case 300 millóns", incidiu.

Por iso é polo que Pedro Branco considera que "Rueda terá que explicar aos galegos se non vota a favor por que o fai" e que "quedará desarmado" ante "calquera solicitude de recursos cando nunca tantos recursos estiveran a chegar á Galiza".