O PP veta unha moción contra a "impunidade" do Prestige

O grupo municipal do PP na Coruña impediu esa segunda feira que se debatera unha moción presentada polo BNG para "evitar a impunidade da marea negra do Prestige". Á saída do pleno o alcalde, Carlos Negreira, dixo sentirse "indignado" pola sentenza. 

Edís do BNG portaron camisolas de Nunca Máis no pleno
photo_camera Edís do BNG portaron camisolas de Nunca Máis no pleno

A moción presentada polo grupo municipal do BNG no pleno da Coruña en relación coa sentenza do Prestige foi vetada pola maioría do Partido Popular. O grupo maioritario impediu que se sometera a debate a proposta e non deixou que o voceiro nacionalista, Xosé Manuel Carril intervise para explicar as razóns da súa propostas. 

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira dixo sentirse "indignado" polo contido da sentenza á saída do pleno embora ter rexeitado o debate 

Á saída do pleno, o rexedor coruñés, Carlos Negreira asegurou sentirse "indignado" polo contido do fallo xudicial se ben rexeitou tomar en consideración a iniciativa do Bloque que procuraba o rexeitamento da Cámara municipal á "impunidade da marea negra" após ficaren eximidos de responsabilidades penais todos os encausados agás o patrón do buque. 

Impunidade dos responsábeis políticos

Para @s nacionalistas a sentenza coñecida a pasada semana "deixa sen xulgar a acción civil" e "os responsábeis políticos da marea negra" que asolagou a costa galega hai 11 anos. Asemade, recolle o texto da moción presentada, "permite a pervivencia" dunha situación de risco embora térense producido "nos últimos 43 anos" catro sinistros contaminantes na costa galega con "importantes vertidos de hidrocarburos ao mar". 

Para o BNG a lexislación actual non prevé novas catástrofes e exixen novas medidas que impidan que a marea negra se poida repetir

Neste senso, aseguran desde o BNG, a catástrofe do Prestige "evidencia como o Estado continúa controlado os dispositivos de transporte de percadorías perigosas por mar" impedindo, din "que Galiza poida facelo en porto e en tránsito" polo que instan á transferencia de competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes á Xunta. 

Transferencia de competencias

A moción presentada, visaba un acordo municipal no que se amosase o "desconcerto" da corporación polo contido da sentenza e a "decepción" porque outra catástrofe puider producirse no futuro ficando "os responsábeis impunes de novo". Unha impunidade que foi rexeitada masivamente nas rúas do país.

Reclaman as competencias en materia de control e inspección de buques,  e que a Xunta e o Estado recorran a sentenza perante o Supremo

Así mesmo, solicitaba que o Ministerio Fiscal e a Xunta presenten recurso de casación perante o Supremo e que o Goberno español procure "as medidas necesarias para denunciar os convenios internacionais en materia de indemnización" e pular por unha outra lexislación asentada "no principio de responsabilidade solidaria e ilimitada". 

Así mesmo, a moción instaba a Xunta de Galiza a demandar a transferencia de competencias en materia de control e inspección de barcos para "poder aplicar unha política preventiva no transporte" de mercadorías perigosas. 

Aliás, outorgaba o apoio da corporación municipal ás mobilizacións convocadas pola Plataforma Nunca Máis. 

Porén, o Partido Popular rexeitou mesmo abrir o debate. 

Comentarios