O PP racha o consenso e veta Fernando de Abel como Adxunto á Valedora do Pobo
A pasada quinta feira o BNG rexistrou no Parlamento da Galiza a súa proposta para o cargo de Adxunto á Valedora do Pobo, o profesor de Dereito Administrativo Fernando Adolfo de Abel Vilela. Un anuncio que chegaba logo da recente reelección de Fernández Galiño, tras un acordo alcanzado entre o Partido Popular, con maioría absoluta no Pazo do Hórreo, e os nacionalistas, que son a segunda forza. Mais agora a formación do presidente Alfonso Rueda vén de vetar De Abel como candidato a este posto.
Até o de agora actuaba como Adxunta María Xosé Porteiro, proposta polo PSdeG, e dada a correlación de forzas actual e o pacto alcanzado co BNG para a reelección de Fernández Galiño é á formación nacionalista á que lle tocaría designar a persoa para este cargo. Mais o PP optou desta volta por vetar a proposta.
Malia todo, o BNG manterá Fernando de Abel como candidato, unha proposta que terá que ser debatida na Comisión de Peticións, e acusa o grupo popular de "volver amosar o seu talante antidemocrático". A deputada e viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, acusa os populares de "falta de respecto institucional" e subliña a “folla de servizo intachábel” do profesor de Dereito Administrativo, que goza de gran prestixio no exercicio da súa profesión.
"Hoxe o Partido Popular chamoume, a través do seu portavoz, e trasladoume que non apoia a proposta de candidato do BNG a Adxunto á Valedora. É un feito inaudito se chega a materializarse", sinalou esta terza feira Rodil. Para a deputada nacionalista, a ratificación do veto do PP suporía "romper os acordos, a institucionalidade e o costume que rexe neste Parlamento desde que se aprobou a Lei da Valedoría do Pobo".
Tamén defendeu a "seriedade" e a "rigorisdade" dun BNG que presentou unha candidatura, a de Fernando de Abel, "impecábel desde o punto de vista formal, que cumpre con absolutamente todos os requisitos legais", polo que non van "aceptar en ningún caso vetos de carácter político". "Por iso pido ao PP que reflexione, que recapacite, que respecte os acordos. A proposta do BNG é Fernando de Abel Vilela, unha persoa que ten unha folla de servizos intachábel, que cumpre con todos os requisitos e máis para ser o Adxunto á Valedora do Pobo", engadiu Rodil.
O BNG lembra ademais o perfil de persoas que ocuparon anteriormente este cargo, como Antonio Pol, quen fora alcalde franquista de Arzúa entre 1964 e 1968, e de Lugo, entre 1974 e 1975. Fora tamén gobernador civil da Coruña e Salamanca e deputado por Alianza Popular (AP) entre 1982 e 1986.
Tamén Domingos Merino chegou á Valedoría logo de ser alcalde da Coruña pola coalición Unidade Galega e deputado, primeiro polo PSG-EG e máis tarde polo BNG, no Parlamento galego. Igualmente, a anterior adxunta á Valedora, María Xosé Porteiro, "foi concelleira, deputada e destacada militante do Partido Socialista".
Olalla Rodil expresou a posición do BNG sobre a renovación de cargos na Valedora do Pobo tras a reunión da Xunta de Portavoces na que se estabeleceu a orde do día do próximo pleno, no que, a proposta do grupo nacionalista, debaterase a creación dunha comisión de investigación sobre as "presuntas irregularidades" e “os desmáns do Goberno do PP” na tramitación do proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), aludindo á sentenza -adiantada por Nós Diario- do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que condenou a Xunta por desprotexer terreos en favor de Altri na serra do Careón.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Alberto Pazos Couñago, xustificou o seu veto, inédito após tres décadas de consenso no tocante á Valedoría do Pobo, no perfil "activista" de De Abel, obviando tamén a súa dilatada traxectoria profesional: "Imos rexeitar esta candidatura por motivos obvios, porque é un perfil que ten máis a ver co activismo que coa institucionalidade. Hai un acordo entre todos para preservar a institucionalidade. Entendo que a proposta de Valedora foi a idónea e nós traballamos para ese consenso, pero esta é unha proposta unilateral afastada do consenso".

