Parlamento

O PP veta declarar a data do falecemento de Sampedro Día da Morte Digna na Galiza

Flores e poemas na homenaxe a Ramón Sampedro na praia das Furnas (Porto do Son) en xaneiro de 2019. (Foto: Europa Press)
En dous anos de Lei de Eutanasia houbo 58 solicitudes galegas.

12 de xaneiro, data do falecemento de Ramón Sampedro, non será declarado Día da Morte Digna na Galiza. A demanda que desde hai anos defende a Asociación Dereito a Morrer Dignamente da Galiza e que foi defendida esta terza feira como iniciativa no Parlamento galego polo BNG, e apoiada polo PSdeG, topou co veto do PP. A proposta non se votará até hoxe na sesión plenaria mais esta terza feira a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo adiantou o sentido do voto do seu grupo durante o debate da proposta. "O PP non o ve necesario, xa existe unha data a nivel internacional para a morte digna, 2 de novembro", dixo a parlamentaria.

Botaba así o fecho a unha demanda, recoñecer o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna na Galiza, que ao longo destes anos logrou o apoio de diferentes organizacións e entidades, así como da Federación galega de Municipios e Provincias (Fegamp). "Que lles pasou a vostedes desde 2015?", preguntou Montse Prado (BNG) ás bancadas do PP, citandom o ano en que a Cñ´´amara aprobara por unanimidade a Lei 5/2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais da Galiza. "O que pasou", respondeu ela propia, "é que temos un PP instalado no radicalismo ultra e en retroceder en dereitos".

Prado foi a encargada de defender a iniciativa. Lembrou que a loita por unha morte digna "non foi doada" e que na Galiza non se pode desligar de Ramón Sampedro, mariñeiro que ficara tetrapléxico en 1968, con 25 anos, e que desde entón defendeu o seu dereito a morrer con dignidade, o que consegiu 12 de xaneiro de 1998, hai 25 anos. 

Neste tempo, sinalou a nacionalista, "a sociedade avanzou na súa transformación, no recoñecemento da súa pluralidade moral e na secularización da vida e a conciencia social, no desenvolvemento de dereitos, na creación de recursos públicos, no funcionamento democrático das institucións, no recoñecemento e respecto á autonomía das persoas, e nos recursos tecnolóxicos”. 

Froito diso, en 2015 aprobouse na Galiza a lei antes menci9nada e en 2021 no Estado a Lei da Eutanasia. Montse Prado defendeu que aínda "fica camiño por avanzar". Unha opinión que partillou o portavoz do PSdeG no debate, Julio Torrado. "As leis chegaron tarde e son mellorábeis, cómpre avanzar", sinalou, incidindo en que a eutanasia "é un dereito, non unha obriga". Torrado chamou a "respectar o dereito das persoas a decidir, e a Lei da Eutanasia é unha lei respectousa", un exemplo da "política útil", dixo, que fan "os gobernos de progreso".

58 solicitudes en dous anos

Rodríguez-Vispo defendeu "o dereito á boa morte, aquela sen dor e sufrimento" e indicou que   na Galiza "aplícanse con normalidade" tanto a lei de 2015 como a de 2021. A deputada popular forneceu varios datos. Entre xuño de 2021 —aprobación da Lei da Eutanasia— e mediados de 2023 houbo no país 58 solicitudes de eutanasia. En canto á patoloxía que sufrían os pacientes que solicitaron a morte digna, a principal era neuroloxica (50%), seguida da oncolóxica, con 31%.