O PP dá amparo político ás declaracións profranquistas do alcalde de Baralla ao bloquear a súa reprobación

[Imaxe: Xose Salgado]

A portavoz do grupo popular, Paula Prado, converte o debate parlamentar nun tira-puxa sobre "réximes totalitarios" en que equipara China, ETA e Resistencia Galega coa ditadura franquista. A oposición acusa o PP de querer "distraer a atención" e amparar nas súas filas a herdeir@s da ditadura.

 

O que semellaba unha Proposición Non de Lei "obvia" e un debate "simple" --en verbas da deputada socialista, Beatriz Sestayo-- converteuse nun cruce de acusacións esta terza feira no Pazo do Hórreo. 

O grupo parlamentar do BNG defendeu unha PNL encamiñada a reprobar, desde a Cámara galega, as declaracións do alcalde de Baralla (PP) en que lexitimou e xustificou os asasinatos do franquismo. A deputada do Bloque, Ana Pontón, exixiu ao Partido Popular que cese o rexedor e deputado provincial, Manuel González Capón, polas súas afirmacións, mais a portavoz do grupo maioritario, Paula Prado, optou por iniciar un cruce de acusacións e demandar ao BNG que "abandone símbolos de réximes totalitarios" nunha intervención que mesturou o goberno chinés, con Batasuna e Resistencia Galega. 

Paula Prado (PP): "Vostedes veñen dar leccións de democracia cando traen simboloxía comunista"

"Vostedes veñen dar leccións de democracia cando traen simboloxía comunista", afirmou a deputada do PP que mesmo criticou as mostras de apoio que os grupos da oposición (BNG e AGE) deron ao presidente democrático de Venezuela, Nicolás Maduro, ao que acusou de ter unha "actitude homófoba". "Queremos un Estado libre e democrático", insistiu Paula Prado sen vir moito a conto coa Proposición Non de Lei presentada polo Bloque, ao tempo que demandou da oposición que "deixen de ser hipócritas" e que condenen "todos os réximes que causan vítimas" como, dixo, "o terrorismo" e "o comunismo". 

A do PP equiparou na súa intervención o goberno chinés, ETA e RG co franquismo

Paula Prado non perdeu a ocasión para centrar o debate arredor da recente sentenza emitida pola Audiencia Nacional española na que considera probada a existencia dunha "organización terrorista" na Galiza e demandou do BNG unha "condena clara" de RG e a súa "adhesión" ao fallo do tribunal. 

"Non imos seguir o guión que nos marca o PP"
Porén, a deputada do Bloque, Ana Pontón, rexeitou "seguir o guión que nos marca o PP" e acusou ao partido maioritario de querer "converter o Parlamento nun circo", sinalou, para "desviar a atención dos temas de fondo". 

Pontón lembrou @s populares que mentres "outros teñen nas súas filas" a militantes que tiveron as "mans tinxidas de sangue" e mesmo a quen partillou "militancia co réxime" --en clara alusión ao ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, ministro do Información e Turismo no franquismo; "o Bloque e o nacionalismo galego, ten tras de si unha traxectoria de defensa da democracia" por "vías pacíficas", sentenciou a nacionalista. 

Pontón: "O BNG e o nacionalismo galego, ten tras de si unha traxectoria de defensa e loita da democracia e sempre de defendeu vías pacíficas"

Ao PP "cústalle separarse" do franquismo
Nin BNG, nin AGE nin PSdeG-PSOE entraron ao debate iniciado pola deputada popular e criticaron con dureza as acusacións lanzadas por Paula Prado, á que mesmo acusaron de ser un "auténtico estímulo" a primeira hora da mañá --sinalou Yolanda Díaz, en nome de AGE. 

"O tardo-franquismo e o franquismo perviven nas filas do PP coa defensa dunha presunta constitucionalidade", apuntou Díaz quen lembrou á deputada popular que aínda "en pleno século XXI" o Parlamento da Galiza "non fixo un acto de recoñecemento ás vítimas que defenderon a legalidade".

"A unha parte do PP cústalle separarse do episodio máis horrendo do recente pasado", acrecentou Beatriz Sestayo desde as cadeiras do PSdeG-PSOE. "Non sei que lles pasa a vostedes", continuou, para que "non poidan separarse e condenar en sede parlamentar o franquismo" sen converter o debate "nun rifi-rafe" arredor "de China, ETA e Resistencia Galega". 

Finalmente, o grupo popular rexeitou cos seus votos a reprobación do rexedor de Baralla após a deputada do BNG declinar aceptar unha emenda de substitución presentada polo PP na que equiparaba o terrorismo coa ditadura franquista e exixía a condena de todos os réximes totalitarios.