O PP rexeita unha proposta para blindar por lei como “permanente” a protección pública das vivendas

O Partido Popular aludiu no debate sobre a vivenda aos "escándalos" que rodean o Goberno español e o seu presidente, Pedro Sánchez: "Ten imputado o seu irmán, a súa esposa e o fiscal xeral do Estado".
ARQUIVO | Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño, Compostela (Foto: Arxina).
Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño, Compostela (Foto: Arxina).

O PP rexeitou unha proposición non de lei do PSdeG -o BNG votou a favor e o deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, abstívose-- que pedía á Xunta da Galiza que elaborase unha lei para fixar como "permanente" o réxime de protección pública das vivendas.

O deputado socialista Carlos López Font defendeu esta iniciativa para facilitar aos galegos, especialmente aos mozos, o acceso para "ter unha vivenda digna e alcanzábel". A PNL tamén buscaba incrementar "urxente e progresivamente" o parque de vivenda social e accesíbel.

Por parte do PP, a deputada María Deza reivindicou as políticas de vivenda da Xunta non só no relativo aos bonos para o aluguer, senón tamén as axudas á compra e á rehabilitación e o compromiso de construír esta lexislatura unhas 4.000 casas de promoción pública.

A popular aludiu no debate aos "escándalos" que rodean o Goberno español e o seu presidente, Pedro Sánchez: "Ten imputado o seu irmán, a súa esposa e o fiscal xeral do Estado". Deza tamén denunciou que as políticas intervencionistas que "cada vez máis" impulsa o Goberno estatal provocan "un detrimento da oferta".

"Que pouco respecto ten vostede aos 18.000 demandantes de vivenda protexida cando estamos a falar de vivenda e vostede sae falando de corrupción, como sempre. Lémbrolle que o único Goberno que perdeu o seu Goberno por estar condenado por corrupción foi o de Mariano Raxoi", contraatacou López Font.

Pola súa parte, a deputada do BNG Alexandra Fernández lamentou as "falsas expectativas" xeradas pola lei estatal de vivenda, que vendeu "meras recomendacións a gobernos autonómicos" coma se fosen "novos dereitos adquiridos".

Aínda que a aposta pola "intervención pública" que fai a lei era "a correcta", Fernández sinalou que a vivenda é unha competencia autonómica e é a Xunta a que "debe regular" esta materia. Así, a nacionalista denunciou que se segue "sen saber en que data estarán acabadas" as miles de vivendas protexidas anunciadas polo Goberno autonómico.

Comentarios