Parlamento

O PP rexeita a despenalización da eutanasia no Parlamento da Galiza

En Marea propoñía situar o debate na axenda política para instar ao Congreso a realizar unha reforma do Código Penal.
O portavoz de En Marea no Parlamento da Galiza, Luís Villares (Arxina).
photo_camera O portavoz de En Marea no Parlamento da Galiza, Luís Villares (Arxina).

As verbas de Ramón Sampedro no día no que cumpriu o desexo de rematar coa súa vida resoaron onte no Parlamento da Galiza. Formaron parte da argumentación do portavoz de En Marea, Luís Villares, na súa defensa da despenalización da eutanasia a través dunha proposición de lei para garantir o dereito a unha morte digna que non foi tomada en consideración pola Cámara ao ser rexeitada polo Partido Popular.

"Non podemos impoñer unha visión teolóxica desde un Estado que é aconfesional", destacou Villares, que reclamaba o traslado ao Congreso das Deputadas da modificación do artigo 143.4 do Código Penal que se refire á vida como obxecto xurídico protexido e que "pola contra debería valorar tamén a protección dunha morte digna".

O texto proposto á Cámara por En Marea era "unha redacción de mínimos" consensuada coa asociación Dereito a Morrer Dignamente que buscaba  o consenso de todos os grupos pero que chocou de fronte co PP, que cualificou a proposta de "irresponsábel". A popular Julia Rodríguez Barreira asegurou que a eutanasia "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte das galegas" e defendeu que a lei galega de atención a pacientes terminais "xa evita o sufrimento e garante unha morte digna".

Tanto o PSdeG, como o Grupo Común da Esquerda e o BNG coincidiron coa necesidade de  que hai un debate social na rúa e que os políticos non poden "mirar cara a outro lado", como salientou a socialista Patricia Vilán, quen incidiu no "dereito de cada quen a enfrontar a súa propia morte como considere" e lembrou que o PSOE rexistrou hai uns días unha proposta lexislativa no Congreso sobre este asunto.

Pola súa banda, Eva Solla apuntou desde Común da Esquerda que a morte digna "ten que ser garantida na sanidade pública" e a nacionalista Montse Prado aseverou que non se pode"condenar as persoas a vivir anos de inferno e dor".

Comentarios