O PP respalda o BNG para Galiza igualar o seu teito competencial a Euskadi e Catalunya

Unha sorprendente votación tivo lugar esta cuarta feira no Pazo do Hórrreo. Submetíase a consideración unha proposición non de lei da autoría do deputado Luís Bará (BNG) que en esencia demandaba igualar o grao de autogoberno galego ao que desfrutan Euskadi e Catalunya. O PP votouna a favor, o que sen dúbida constitúe un novo aceno de Feixoo na súa política de marcar distancias co perfil anti-autonomista de Vox.

DSC_0047
photo_camera Luís Bará.

A iniciativa do BNG foi votada favorabelmente por todos os grupos con representación na Cámara. Porén, o politicamente relevante é que contou cos votos do partido do goberno, que se ten caracterizado desde que recuperase o poder en 2009 —derrota do bipartito nas urnas— por non ter conseguido nin unha soa transferencia.

De acordo co votado, o Parlamento galego demanda do goberno do Estado a convocatoria da comisión mixta de transferencias visando a equiparación de Galiza con aqueles territorios que dispoñen dun maior teito competencial, ou sexa, Euskadi e Catalunya. 

Trataríase de que a comisión estudase non só as transferencias reclamadas e aínda non outorgadas, senón tamén aquelas tamén demandadas por outros territorios, interpreta Luís Bará.

O parlamentar nacionalista avaliou positivamente o voto favorábel do PP, mais non por iso deixou de criticar a seca de transferencias que Galiza vén padecendo desde que Feixóo é presidente da Xunta.

No debate foi, en troca, rexeitada a demanda do BNG de que se dea efectivo cumprimento á Lei da Policía Autonómica de 2008 —obra lexislativa do bipartito—, un texto legal que prevía o despregamento de até 2.400 efectivos en dous anos. Unha década despois esa norma continúa sen se materializar e Feixoo confórmase, denunciou Bará, “co sucedáneo” da unidade adscrita da policía española.

Comentarios