O PP recoñece a falta de persoal na Atención Primaria

Hai un "evidente problema de persoal" na Atención Primaria na Galiza, recoñece o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.
 
Mobilización en Marín, en xullo, polos recortes no centro de saúde de Seixo.
photo_camera Mobilización en Marín, en xullo, polos recortes no centro de saúde de Seixo (Foto: Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo)

Hai un "evidente problema de persoal" na Atención Primaria na Galiza, recoñeceu esta segunda feira, 2 de agosto, o viceportavoz parlamentario e secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado.

Con todo, o popular non atribuíu esta deficiencia na sanidade pública ao recortes da Xunta en medios e persoal denunciados por asociación profesionais, entidades de pacientes e sindicatos, senón "á ausencia de médicos no mercado" para contratar. Por iso, Tellado reclamou ao Goberno estatal que "autorice" máis ofertas públicas de emprego e a convocatoria de máis prazas de MIR.

Así o trasladou en rolda de prensa a preguntas dos medios sobre as críticas do Colexio de Médicos de Pontevedra pola sobrecarga de traballo das e dos profesionais da Atención Primaria. De feito, esta entidade comunicou na pasada sexta feira que denunciou pola vía penal as persoas dirixentes das áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra para que se "depuren responsabilidades dos prexuízos" aos que poidan estar sometidas tanto as persoas colexiadas como as pacientes pola "sobrecarga" de traballo que soporta a sanidade pública.

Porén para Tellado, "esta problemática é mesmo anterior á pandemia (...), a Xunta non conta con efectivos suficientes para contratar porque non hai médicos para contratar e reforzar a Primaria", sinalou á vez que subliñou que o Goberno galego está disposto a facer "todos os esforzos", mais "sería necesaria a colaboración do Goberno de España autorizando  ofertas públicas de emprego que permitan contratar máis médicos (...) É evidente que hai un problema de persoal na Atención Primaria. Xa o había antes da pandemia e hoxe segue existindo", admitiu  Tellado.

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas aproveitou nunha rolda de prensa para insistir "na urxencia de dotar de máis medios a sanidade pública, "en particular a Atención Primaria, saturada e cun persoal exhausto" ante a quinta onda. Por iso reclamou reforzar a Atención Primaria cun investimento urxente de 200 millóns de euros provenientes dos 211 millóns que a Galiza vai recibir da devolución do IVE que o Estado adebeda do exercicio do ano 2017.

Calvo e Baltar, á fronte do PP coruñés e ourensán

Noutra orde de asuntos, o parlamentario Diego Calvo, presidente provincial do Partido Popular na Coruña desde 2016, e unha das persoas con máis papeletas na sucesión de Alberto Núñez Feixoo, busca a reelección no próximo congreso do PP coruñés que decorrerá o vindeiro 25 de setembro. Así, presentou esta segunda feira 2.025 avais da militancia para optar a continuar á fronte do PP da Coruña.

Quen tamén presentou a súa precandidatuira para a reelección como presidente do PP de Ourense foi Manuel Baltar, e fíxoo entregando 4.202 avais.

Comentarios