En Marea secunda a iniciativa de Pontón

PP e PSdeG cargan contra a proposta do BNG de investigar os contratos de VIllar Mir coa Xunta

Especialmente virulento co BNG, o portavoz do grupo parlamentar do PSdeG, Xaquín Fernández Leicega, instou a formación nacionalista a que precise con dados as súas denuncias sobre hipotéticas prácticas corruptas nas concesións a Villar Mir. Este empresario, que tenciona o apoio de Fejóo para a Operación Ferroatlántica, está a ser investigado polo xuíz Eloy Velasco nunha trama de financiamento irregular do PP.

ANAPONTON XUNTAPORTAVOCES 14.03.17 BIS

O BNG pon no albo da súa acción política Villar Mir e as súas conexións co financiamento irregular do PP, xa reveladas no seu momento nos papeis de Luis Bárcenas (a contabilidade B do partido no goberno).

A formación liderada por Ana Pontón propón que no Parlamento galego se constitúa unha comisión de investigación que deite luz sobre os contratos asinados pola Administración galega con empresas do grupo de Villar Mir.

Hai que subliñar que entre esas compañías figura Ferroatlántica, que aspira á venda das centrais hidroeléctricas do río Xallas e Grande e á súa desagregación das fábricas de ferroaleaxe da Costa da Morte contra a forte oposición do seu cadro de persoal. Monte Pío é quen ten a potestade de autorizar ou non esta operación, que conta co beneplácito dos delegados estatais de CC OO e UXT.

Para Ana Pontón, estaríamos perante unha "venda ilegal" -así o manifestou na súa comparecencia perante os meios após a xunta de portavoces desta terza feira- e advertiu que en todo este asunto "algo cheira mal", polo que se impón pescudar "as cuantiosas concesións públicas" de Villar Mir.

Quen se suma á proposta de Pontón é a En Marea de Luís Villares, quen revelou que o BNG xa estabeleceu conversas coa confluencia en orde a obter o seu apoio para materializar a constitución da comisión (o Bloque non dispón de escanos suficientes para activala).

Para Villares, hai "algo raro" na ambigüidade da Xunta en relación á venda das centrais hidroeléctricas, o que o leva a defender que se estuden "con lupa" os contratos do grupo Villar Mir coa administración galega.

Aí rematan os apoios. O PSdeG, por boca do seu portavoz parlamentar, pareceu esta terza feira pouco entusiasta coa perspectiva de que se vai constituír unha comisión de investigación. Ao seu xuízo, non existen a tal hora indicios que aponten a existencia de irregularidades. "Se existiren dados ou indicios, nós seríamos os primeiros a prol de investigar", dixo ao tempo que puña en duda que realmente os houbese.

Para Leicega, o BNG estase a apontar á "política espectáculo" -cuxa paternidade implicitamente adxudicou a Podemos- á hora de facer propostas efectistas sen o debido rigor técnico.

Un discurso moi semellante foi o enarborado por Pedro Puy, PP, quen dixo non saber "exactamente que queren investigar", ao tempo que anunciou que a súa formación non se vai prestar "a este xogo de salferir con todo a todo o mundo se non hai unha sospeita de que exista algunha irregularidade".

Comentarios