O PP prepara unha moción de censura en Lugo cunha tránsfuga do PSdeG

A edil María Reigosa e o alcalde Miguel Fernández en novembro de 2025, cando a concelleira se incorporou á corporación municipal de Lugo. (Foto: Nós Diario)
A moción podería rexistrarse a comezos desta semana e conta co aval da dirección galega dos populares.

Elena Candia podería converterse na próxima alcaldesa de Lugo de ir adiante unha moción de censura que contaría co apoio da tránsfuga do PSOE, María Reigosa, quen accedeu ao cargo o pasado 30 de outubro tras a morte do concelleiro socialista Pablo Permuy.

Reigosa, funcionaria do Estado con destino no servizo de Costas de Lugo, foi unha das novidades na lista de Lara Méndez para as eleccións locais de 2023. Considerada como un valor en alza do PSdG, chegou a formar parte da súa executiva galega na etapa como secretario xeral de Valentín Formoso.

A ruptura de Reigosa co partido comezou a evidenciarse no mes de decembro, cando dimitiu das súas responsabilidades como concelleira de Medio Rural. Porén, non foi até o pasado 24 de marzo cando rachou co grupo socialista, pasando á condición de concelleira non adscrita.

As negociacións para a moción de censura entre o PP e Reigosa aceleráronse a finais da semana pasada. A este respecto, as fontes consultadas por Nós Diario aseguran que o seu apoio á mesma confirmouse a pasada quinta feira, após unha xuntanza con Elena Candia. Estas mesmas fontes aseguran que a sexta feira Candia reuniu ao seu grupo de concelleiros e a diversos dirixentes do partido na cidade para trasladarlles un acordo que estaría avalado directamente polo presidente galego Alfonso Rueda, quen apoiou desde o primeiro momento esta posibilidade.

Outra vez cun tránsfuga

Candia, quen xa accedeu á presidencia da Deputación de Lugo en 2015 co apoio doutro tránsfuga socialista, Manuel Martínez, ocupa actualmente a vicepresidencia primeira do Parlamento da Galiza e a presidencia do PP de Lugo.

A moción de censura na cidade de Lugo sería a terceira que o PP presenta na circunscrición desde as eleccións locais de 2023. Por esta vía, alcanzou a Alcaldía de Ferreira do Valadouro.