Reigosa formaliza a súa saída do Grupo Municipal Socialista de Lugo e pasa a ser concelleira non adscrita

Foto de arquivo- María Reigosa e Miguel Fernández. (Foto: Concello de Lugo)
A concelleira María Reigosa anunciou que abandona o Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo e pasa a ser edil non adscrita, confirmando a súa ruptura co Goberno local. A decisión formaliza un proceso que xa se viña evidenciando en varios plenos, nos que a ex socialista apoiou iniciativas do Partido Popular.

A concelleira de Lugo María Reigosa comunicou esta segunda feira a súa decisión de abandonar o Grupo Municipal Socialista, o que supón o seu paso á condición de edil non adscrita no Concello. Reigosa sinalou que se trata dunha “decisión meditada”, adoptada tras as discrepancias mantidas.

Desta forma, Reigosa confirma a súa ruptura co Goberno municipal, despois de dimitir o pasado mes de decembro das súas funcións como responsábel local de Medio Rural e, posteriormente, abandonar a militancia socialista. Aínda que xa deixara o PSOE, continuaba formando parte do Grupo Municipal Socialista. A decisión desta segunda feira formaliza unha ruptura que xa se viña escenificando en varios plenos, nos que a concelleira apoiara algunhas iniciativas do Partido Popular.

Así, o Goberno bipartito de Lugo queda con 12 concelleiros —sete do PSOE e cinco do BNG— fronte aos 12 do PP máis a acta de Reigosa, cuxo voto será determinante para a gobernabilidade.

Trátase dunha situación semellante á que PSOE e BNG afrontan na Deputación de Lugo, onde o tamén non adscrito José Tomé, tras a denuncia por presunto acoso sexual, continúa a ser clave para a gobernabilidade da institución provincial.